Aymerich esixe a Feijóo transparencia e que faga públicos os contratos blindados con Pemex
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carlos Aymerich, reclamou a Feijóo que faga públicos os supostos contratos blindados que o presidente da Xunta asegura que asinou con Pemex. O candidato nacionalista demandou transparencia para que toda a cidadanía coñeza os termos nos que se negociaron os contratos, se é que non se acordou unicamente un acordo de intencións, tal e como onte sinalou o director xeral da empresa pública mexicana.
O candidato nacionalista defendeu que o presidente da Xunta debería, por un lado, publicar na web da Xunta a copia do suposto contrato blindado con Pemex, así como comparecer na Permanente do Parlamento galego para dar explicacións exactas e pormenorizadas do que está pasando, reclamou.
Carlos Aymerich fixo referencia así as informacións publicadas onte nos medios mexicanos sobre a comparecencia do director xeral de Pemex, quen afirmou que unha filial de Pemex ten coa Xunta un acordo de intencións para facer prospeccións da capacidade de construción de estaleiros e insdustrias de outros países. O que podemos deducir é que non hai contratos en firme nin con Barreras nin con Navantia, salientou.
Segundo explicou o nacionalista, con este acordo se constata que hai capacidade de construir co obxectivo de reservala tendo en conta a posibilidade de que ese contrato se adxudique a empresa, pero incluso está sen aclarar a parte financeira da operación, puntulizou .
Afondando nas incertidumes sobre as contratacións para Barreras, Aymerich engadiu que o 1 de decembro cambiará o goberno en Mexico, de xeito que con toda seguridade cambiarán os directivos de Pemex. Estamos vendo que o PRI non está por que ese contrato vaia adiante. Pero se eu non teño razón estarei encantado de dicir enganeime, pero que Feijoo publique os contratos, incidíu.
Luz e taquígrafos
Non se pode xogar coa necesidade e coa ilusión da xente, nin coa esperanza dun país nin dunha cidade como Vigo e un sector como o naval, asegurou Carlos Aymerich, polo que defendeu que desde o BNG queremos luz e taquígrafos. Neste sentido insistiu en que que Feijóo debe dar conta do detalle dos contratos non nunha rolda de prensa, non estamos falando de propaganda, senón no Parlamento galego.
Segundo subliñou isto non é cuestión de confianza en Feijoo, queremos ver os papeis, non vaia ser que todo sexa unha negociaciación política para a campaña. A este respecto lembrou que se en Vigo falamos de Feijo non se nos vén á cabeza confianza precisamente e en consecuencia reiterou a demanda de que faga públicos os contratos.
Preguntado pola confidencialidade de parte deses documentos, o candidato nacionalista afirmou que se poden dar a coñecer parte deles, tal e como se fai noutras ocasións. Hai suficentes dúbidas para que opte da Xunta diga a verdade e deixe a propaganda dando a coñecer as partes que se poidan saber do contrato, esixiu.