O BNG culpa a Feijóo de que Vigo queda á cola de Galiza en materia xudicial
A número 2 da lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme Adán, e o portavoz municipal nacionalista, Santi Domínguez criticaron o incumprimento de Feijóo a respecto da posta en marcha da cidade da xustiza na cidade ao longo desta lexislatura. Diante dos xulgados de Vigo queremos denunciar a discriminación de Vigo a respecto de outras cidades de Galiza, manifestou a Adán.
Segundo a candidata, a nova infraestrutura tan longamente demandada polo BNG é unha necesidade apremiante para garantir o bo funcionamento dos diferentes xulgados da cidade, tendo en conta que a de Vigo é a pranta xudicial máis saturada de Galiza. Porén, acusou a Feijóo de discriminar Vigo fronte a outras cidades como Pontevedra, A Coruña ou Ourense, que si terán nova sede xudicial. Vigo quedará á cola en materia xudicial polo incumprimento de Feijóo.
Carme Adán lembrou que este ten sido un tema de debate constante no Parlamento e explicou que o presidente da Xunta sempre buscou fórmulas nas distintas cidades galegas para chegar a acordos agás en Vigo. Temos a sensación de que non se quere facer. Despois de 10 anos, parece que estamos diante dun expediente X, comentou.
Compentencia da Xunta
En resposta ás preguntas dos medios sobre a responsabilidade do Concello de Vigo ante a falta de acordo, Santi Domínguez subliñou que a competencia en materia xudicial corresponde á Xunta, e non a administración local, polo que é a administración autonómica a que ten que velar pola existencia das instalacións xudiciais.
Segundo explicou o nacionalista, o problema non é a posta a disposición dos terreos, senón o pago das expropiacións e a este respecto noutras cidades chegouse a un acordo. Curiosamente en Vigo a Xunta nin quixo negociar, sendo unha obra de ámbito supramunicipal, sinalou.
Cando iniciou a lexislatura, Feijóo ofreceu un plan de infraestruturas xudiciais no que se contemplaba a cidade da xustiza para Vigo. A lexislatura rematou e Vigo non ten esta dotación, fixo balance Santi Domínguez.