Aymerich salienta que comeza unha campaña decisiva para o futuro de Galiza
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carlos Aymerich, destacou esta noite que estamos no inicio dunha campaña decisiva para o futuro de Galiza. No acto celebrado na emblemática Farola de Urzáiz, no que participaron diversos integrantes da candidatura nacionalista así como o grupo municipal, Aymerich asegurou que o electorado terá que escoller entre dous grandes opcións, a do modelo de desmantelamento dos servizos públicos que leva a cabo o PP e a da única forza nacionalista e de esquerdas, que é o BNG.
A cidadanía ten que escoller entre continuar co PP polo camiño dos recortes e o empobrecemento ou cambiar o xeito de facer política co Bloque cara unha Galiza máis libre e máis xusta, subliñou o candidato do Bloque na súa intervención. Ao seu xuízo, o PP sabe que non ten a maioría, e que o cambio que Galiza precisa sexa unha realidade depende do traballo e da entrega dos militantes e simpatizantes do Bloque.
Carlos Aymerich salientou asemade que para frear ao Partido Popular cómpre concentrar o voto na única opción que dende o nacionalismo e a esquerda defende os intereses de Galiza. Segundo o nacionalista, non podemos deixar que Feijóo siga desfacendo o país.
Demolición do país
Carme Adán, pola súa banda, destacou que os tres anos e medio de goberno de Feijóo resúmense en demolición do país, mentres que agora a súa estratexia consiste en divide e vencerás, sinalou. A nacionalista asegurou que dende o BNG imos facerlles frente. Frente aos que entenden a sanidade como negocio, aos que queren a educación para a élite e aos que impiden que Galiza poida producir.
A candidata do Bloque considerou que é posible que haxa quen se resista a estes cambios, pero o BNG sae a xogar o partido sen agardar que dende fóra veñan variñas máxicas, senón querendo gobernarnos por nós mesmos.