O BNG apoia en Conxemar ao sector pesqueiro galego
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich, realizaron unha visita á Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados Conxemar, que conclúe este xoves en Vigo. Os nacionalistas trasladaron a súa aposta polo sector pesqueiro e dos produtos do mar e denunciar que os gobernos de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo non apoian ao sector.
En declaracións aos medios, Vázquez indicou que é necesario o respaldo político a este sector para que se poida desenvolver e xerar emprego. Así, criticou que con medidas como o aumento do IVE que inclúe aos produtos da pesca e a acuicultura non se apoia ao sector, á vez que tamén denunciou a situación derivada do acordo entre a UE e Mauritania, que deixa fóra á flota cefalopodera galega, e criticou ao Goberno por permanecer impasible ante iso.
Así mesmo, tamén lamentou que tampouco se apoia ao sector tratando de eliminar na etiquetaxe a orixe dos produtos conserveiros. Fronte a iso, considerou evidente a necesidade dun cambio de rumbo e apostar por estes sectores que crean emprego.
Capacidade de decidir
Pola súa banda, o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carlos Aymerich, insistiu no apoio da formación nacionalista á pesca e o sector transformador e tamén manifestou o seu respaldo á feira Conxemar, tendo en conta a competencia que este ano supón o evento que proximamente celebrarase en Barcelona.
O candidato asegurou que para apostar pola pesca galega é necesario que Galiza teña capacidade de decidir e, nese sentido, puxo o exemplo de Alaska, onde é ela e non Washington a que decide e a que certifica os produtos en canto á orixe. Non estamos dicindo nada estraño, asegurou Aymerich, recordando que EE.UU. non é ningún país antisistema.