O Bloque acusa ao alcalde de politizar a gala de Vigueses Distinguidos e atrasala sen consultar
Iolanda Veloso critica que Caballero adiase a entrega dos galardóns para despois das eleccións, coa actual corporación en funcións
Vigo, 16 de abril de 2015.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou a decisión unilateral de aprazar a gala de entrega dos vigueses e viguesas distinguidas e a medalla da cidade até despois das eleccións municipal sen falar previamente cos representes dos grupos con representación municipal. Criticou asemade que Caballero argumentase que así o facía para 'non politizar' a gala, cando houbo tempo de sobra para facer a entrega desde o 28 de marzo.
Atopámonos outra vez máis co autoritarismo absoluto do alcalde que toma a decisión de adiar dous meses a entrega das distincións de maneira unilateral, denunciou Iolanda Veloso ao tempo que criticou que o alcalde non consultara con portavoces dos grupos municipais. Polo menos coa portavoz do grupo municipal do BNG non consultou absolutamente nada, sinalou.
Segundo destacou a voceira nacionalista, a entrega das medallas realmente é unha decisión do pleno da corporación no que hai distincións propostas por todos os grupos políticos e unha medalla da cidade apoiada por todos os grupos políticos. Subliñou ademais que o tempo non é escusa, xa que foron tres días de loito polo accidente aéreo e houbo tempo de sobra para entregar as distincións.
Iolanda Veloso lembou que cando se celebrou o pleno da corporación no que se decidiron as distincións o BNG entendeu a proposta do alcalde de adiar a entrega debido ao loito polo accidente aéreo polo avión que cubría a liña Barcelona Dusseldorf. Entendimos perfectamente esa proposta pero tamén entendiamos que a celebración sería canto antes. De feito no propio pleno o alcalde dixo que sería despois de semana santa, sinalou.
Criterio electoralista
Decide adiar a gala até o 28 de maio dicindo que non quere politizar a entrega. Se insto non é politizar que nolo explique, denunciou Iolanda Veloso, para quen politizar é estar xa en campaña electoral e non exercendo como alcalde e deixar os vigueses distinguidos deste ano sen a súa cerimonia correspondente no momento correspondente, que se celebrará cando a corporación e o alcalde estean xa en funcións. Así estaremos até o 13 de xuño que se constitúa a nova corporación, engadiu.
El é quen está politizando absolutamente todo o que fai agora mesmo. Cada acto que fai xa non o fai como alcalde, faino como candidato. Está en campaña electoral, e adiar esta cerimonia é politizala, manifestou Iolanda Veloso, quen salientou que para o BNG esta cerimonia xa tería terse celebrado, porque non se trata de dunha cuestión dos distintos partidos políticos que estamos representados no pleno do concello, que teriamos que ter algo que dicir.
Ao seu xuízo, trátase dunha cuestión que afecta a vigueses e viguesas distinguidas que tiveron a mala sorte de ser distinguidas en ano electoral, previamente a unha campaña electoral e cun alcalde que toma todas as súas decisións en función dos seus posibles resultados electorais e que xa non ten un criterio político, senón electoralista.
Recoñecemento aos galardoados
Queremos poñer en valor os méritos das persoas e entidades que foron recoñecidas nun pleno da corporación como vigueses e viguesas distinguidas e coa medalla da cidade, dixo Iolanda Veloso, quen expresou en nome do BNG o pesar por que non vaian ter a súa cerimonia de entrega das súas distincións como tiveron outros vigueses distinguidos en anos anteriores porque o alcalde decidiu que así non fose.
A voceira nacionalista lembrou que xa tiñan que ter recibida a súa distinción e citou a Emilio Suárez, a plataforma da hepatite C, o irmán Bailón, o hospital Meixoeiro, os policías Vanesa Lage e Vicente Alló, Carlos Mañas, Afaga e o sector da automoción, especialmente os seus traballadores e traballadoras, que son vigueses distinguidos e medalla da cidade a todos os efectos.
Lamentamos desde o BNG que o alcalde tome as decisións con estes criterios sen valorar que esta é unha decisión que non é do alcalde, senón de todo o pleno da corporación e que debería terse tomado con outros criterios, non condicionando a unha campaña electoral e a unha cita electoral, concluíu a portavoz do Bloque.