O Bloque acusa ao PP do deterioro sistemático da sanidade pública de Vigo

O Bloque acusa ao PP do deterioro sistemático da sanidade pública de Vigo

Carme Adán critica que os populares rexeiten construír o centro de saúde de Bouzas e neguen o peche das instalacións de Beiramar

 

intervención Carme Adán

Vigo, 5 de setembro de 2014.- “Que pecado cometeu a cidade de Vigo para que Feijoo determine o deterioro sistemático da súa atención sanitaria pública”, preguntou hoxe Carme Adán no Parlamento galego. A deputada do BNG acusou ao PP do “deterioro sistemático” da sanidade pública viguesa tras a negativa dos populares, en concreto do deputado Javier Dorado, a executar a construción do centro de saúde de Bouzas tal e como demandaba o grupo nacionalista nas súas propostas.

A deputada do Bloque criticou que PP execute o peche do centro de saúde de Beiramar, que obriga aos pacientes de Bouzas a ser atendidos noutros centros da cidade. “É indecente que aquí digan que non pechan Beiramar cando obrigan a un traslado forzoso de pacientes a varios quilómetros de distancia”, denunciou.

Segundo salientou Adán, Feijóo “castiga sistematicamente” a cidade no tocante á sanidade pública. Ao seu xuízo, ao peche das instalacións de Beiramar e a negativa a construír o centro de saúde de Bouzas, únese a inacción para solucionar o problema das listas de agarda, as maiores de toda Galiza, e a construción dun hospital privatizado.

Concerto millonario

“Pola contra, non teñen ningún reparo en asinar un concerto millonario cun centro privado como é Povisa”, manifestou a deputada do Bloque. Ademais, a esta situación “realmente alarmante” da sanidade viguesa “tamén hai que engadir a negativa a restituír o profesional especialista en reumatoloxía pediátrica”.

Estes datos son, para a deputada nacionalista, “a proba máis evidente de que o PP busca, de forma sistemática, desmantelar a sanidade pública viguesa”. Ao respecto, Carme Adán advirte de que “ao final, as grandes prexudicadas polas decisións do Partido Popular son as persoas con doenzas que cada día precisan dunha atención de calidade”.

 

O Bloque acusa ao PP do deterioro sistemático da sanidade pública de Vigo