O BNG esixe ao goberno que non recorra a sentenza de demolición da cruz e a derrube “canto antes"

O BNG esixe ao goberno que non recorra a sentenza de demolición da cruz e a derrube “canto antes"

Iolanda Veloso recordou que o Bloque presentou hai un ano unha proposta no pleno esixindo a eliminación dos símbolos franquistas

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA Vigo, 8 de setembro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, salientou que o Bloque valora positivamente a sentenza xudicial que insta ao Concello de Vigo a derrubar a cruz do Castro. ”Non entenderiamos que o goberno local recorrese a sentenza e reclamamos que a derrube o antes posible porque é unha cuestión de xustiza en todos os sentidos”, destacou.

Iolanda Veloso asegurou que a sentenza xudicial está argumentada de forma moi sólida, lembrando que é unha cruz que simboliza a vitoria dun dos bandos, en concreto o bando nacional, ao ser levantada en 1961 coa denominación de “Cruz de los Caídos”. “Fai referencia tamén a unha moción do BNG, de 2006, instando á retirada da simboloxía franquista das fachadas dos edificios na que se facía unha mención expresa a retirada desta cruz”, sinalou.

“Cando o BNG tivo responsabilidades de goberno, foi coherente e eliminou a simboloxía franquista da Casa das Artes”, destacou a voceira nacionalista en relación á retirada do escudo e as inscricións franquistas do frontispicio deste edificio, a finais de 2010, sendo tenente de alcalde Santi Domínguez.

“Lei da amnesia histórica”

Iolanda Veloso resaltou que o BNG sempre mantivo esta reivindicación e, de feito, hai un ano presentou unha nova moción na que no seu primeiro punto se reclamaba o cumprimento da Lei da Memoria Histórica, impulsada precisamente por un goberno socialista, e que tamén demandaba o derrubo da cruz.

A nacionalista lembrou que esta moción foi aprobada cos votos a favor do propio Bloque, a abstención do PSOE e a oposición do PP. “Parece que o alcalde prefire a lei da amnesia histórica”, comentou Veloso, quen sinalou que pola contra os populares si votaron en coherencia co que defenden.

“Ademais de existir unha reclamación política e cidadá, hai tamén unha unha reclamación xudicial, polo que reclamamos unha demolición inmediata e que o goberno non recorra a sentenza”, salientou.

Preguntada pola suposta ambigüidade do goberno ao respecto e a o rexeitamento por parte do alcalde a súa demolición, Iolanda Veloso sinalou que nunca explicou por que nunca quixo derrubala. “Tamén é sintomático que desde que se coñeceu a sentenza o alcalde aínda non fixo ningunha declaración”, apuntou.

Por outro lado, e en resposta a cuestión formulada polos medios sobre pertinencia ou non de que exista unha Lei da Memoria Histórica, a voceira municipal do BNG preguntábase “se non fai falta, por que cando a hai non se aplica”.

 

O BNG esixe ao goberno que non recorra a sentenza de demolición da cruz e a derrube “canto antes"