O Bloque acusa á Xunta de utilizar o medo para que os pacientes non muden de Povisa ao Chuvi

O Bloque acusa á Xunta de utilizar o medo para que os pacientes non muden de Povisa ao Chuvi

Iolanda Veloso, Carme Adán e Montse Prado participaron en Coia nun reparto informativo reclamando información do concerto do Sergas co hospital privado

reparto Povisa 1Vigo, 6 de outubro de 2014.- A voceira municipal, Iolanda Veloso, e as deputadas Carme Adán e Monstse Prado participaron nun reparto de material informativo no que o Bloque demanda á Xunta que faga público o novo concerto do Sergas con Povisa. “Sen información non posibilidade de escoller libremente”, defenderon.

Segundo criticou Iolanda Veloso, no goberno galego “non hai intención de transmitir información á cidadanía porque o obxectivo que persegue é manter os pacientes de Povisa”. Neste sentido acusaron á Xunta de ocultar información e utilizar o medo para que os pacientes adscritos a este hospital privado non aposten pola sanidade pública.

Neste sentido a portavoz municipal nacionalista lembrou que no pasado pleno, e en referencia a unha moción do BNG, a concelleira do PP Teresa Cendón asegurou que se os pacientes adscritos a Povisa marchan á sanidade pública, Povisa non cobraría os 75 millóns anuais do concerto.

“Que interese ten o PP para agochar a información deste novo concerto? Como é posible que concerto tras concerto se agoche a información á cidadanía?”, preguntábase Montse Prado, quen considerou que precisamente “non se dá información para que os pacientes non marchen de Povisa”.

reparto Povisa 3Lista de agarda

Carme Adán reclamou á Xunta que explique en que condicións se realizará o cambio para os pacientes con tratamentos en marcha ou pendentes de consulta e que informe de que acontecerá cos pacientes en lista de agarda. “Xogan co medo para ocultar información”, reiterou, ao tempo que criticou a discriminación da área sanitaria de Vigo, posto que precisamente Povisa é o hospital galego coas maiores listas de agarda.

O BNG reclama que o goberno galego dea resposta a todas estas preguntas e que paralice o proceso de cambio de adscrición mentres non o faga. “Queremos que o Sergas facilite información personalizada a cada paciente para que poida escoller libremente”, manifestaron as responsables nacionalistas.

 

O Bloque acusa á Xunta de utilizar o medo para que os pacientes non muden de Povisa ao Chuvi