Vence define Conxemar como un gran escaparate mundical do sector do conxelado co centro en Vigo
O BNG demanda un apoio decidido á estratexia comercial das industrias fronte á competencia desleal de importacións de terceiros países
Vigo, 8 de outubro 2014.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, visitou a XVI edición da feira Conxemar que definiu como un gran escaparate da industria do conxelado de produtos do mar e do sector pesqueiro de Galiza que ten o seu centro en Vigo.
Acompañado durante a visita polo presidente de Conxemar, José Luís Freire, Vence eloxiou o traballo dos organizadores desta cita feiral que, -dixo-, demostra a capacidade deste sector industrial para converterse nun referente mundial grazas ao tesón e a iniciativa do empresariado e do tecido económico local, que mostran os seus produtos e oportunidades de negocio.
O dirixente nacionalista reclamou un apoio decidido de todas as administracións con dúas demandas concretas: apoio á estratexia comercial do sector ante a competencia desleal doutros países, -impoñendo a esas importacións os mesmos baremos de calidade e seguridade alimentaria-, e que os barcos galegos que faenan en augas de terceiros países con bandeira da UE teñan as mesmas condicións arancelarias que se o produto se capturase en augas comunitarias.
Compartirmos as reivindicacións do sector con respecto a política de pesca da UE e do Goberno sobre a regulación das condicións de acceso dos produtos que chegan doutros países, explicou Vence, quen considera moi importante que tanto a Xunta como o Goberno central sexan capaces de trasladar á Comisión Europea a preocupación do sector respecto á competencia desleal que se exerce desde outros países, e as trabas ao comercio e traslado a Galiza do produto que se captura noutros caladorios do mundo.
8.000 empregos
Vence insistiu en que estamos ante un sector estratéxico para o país, como o demostran as cifras de emprego e de negocio.
É un dos puntais da nosa economía, pois xera 8.000 empregos, con máis de 120 empresas propias que están tirando da economía pese a crise, e un volume de facturación superior aos 2.500 millóns de euros, explicou.
Neste sentido, o dirixente nacionalista fixo fincapé na necesidade de facilitar todo o apoio desde a Administración para protexer a súa política comercial da competencia desleal e tamén na súa estratexia de innovación en produtos, en procesos e no seu empeño en abrir novos mercados.
Vence estivo acompañado na visita a Feira Conxemar da portavoz municipal, Iolanda Veloso, o portavoz parlamentario de Pesca, Daniel Rodas, a portavoz no Parlamento europeo e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, e outros responsables políticos do BNG vigués.