O Bloque anima a cidadanía a mercar no pequeno comercio e consumir produto galego
Carme Adán considera un grave erro que Feijoo non apoie os estabelecementos minoristas, xa que en 5 anos pecharon 17.000 locais
Vitoria Iglesias cualifica este sector como estratéxico para a creación de emprego na economía galega
Vigo, 20 de decembro de 2014.- A deputada do BNG no Congreso, Carme Adán, e a número 2 da candidatura ás municipais, Vitoria Iglesias, presentaron na zona peonil do Calvario a nova campaña que está levando a cabo o Bloque para impulsar o apoio ao comercio de proximidade e respaldo aos produtos galegos, baixo o lema Apoia o comercio local, merca produtos galegos.
Precisamente animar á cidadanía a facer as súas compras no pequeno e mediano comercio e consumir produtos locais é o obxectivo desta iniciativa do BNG, segundo explicou Carme Adán. A deputada nacionalista subliñou que estas medidas son fundamentais para dar vida a un sector especialmente afectado pola crise.
Nestes anos produciuse o peche de máis de 17.000 locais e a destrución de 40.000 postos de traballo. Estas cifras dan idea da magnitude da situación do sector, sinalou Adán ao respecto, polo que cualificou de erro grave que o presidente da Xunta non apoie o pequeno comercio galego e criticou que nos últimos cinco anos Feijoo reduciu en máis do 50% as partidas para o sector.
Desenvolvemento sostible
Neste impulso ao comercio de proximidade vigués, a candidata número 2 do BNG de Vigo salientou que o Calvario é un bo exemplo na creación dunha contorna urbana que propicie un desenvolvemento sostible.
Desta forma, Vitoria Iglesias defendeu a posta en valor dos produtos ecolóxicos galegos e a súa comercialización en estabelecementos de proximidade, así como a etiquetaxe en galego, porque esta é a mellor forma de crear emprego e dinamizar un sector estratéxico para a economía galega.