O pleno aproba a moción do BNG para que o goberno repoña a vexetación na rotonda de Coia
Iolanda Veloso acusa ao alcalde de autoritarismo ao decidir empezar as obras na rotonda despois de que o pleno aprobara o contrario
Vigo, 22 de decembro de 2014.- No pleno celebrado hoxe, o BNG acadou o respaldo necesario para aprobar a iniciativa que insta ao goberno local a recuperar a vexetación na rotonda de Coia, en lugar de colocar o barco Alfageme, como pretende o grupo socialista. Na súa intervención, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, lembrou que xa foi aprobada unha moción ao respecto, pero que o goberno municipal decidiu facer o contrario ao acordado no pleno.
Vivimos neste concello un feito pouco habitual: non só o goberno non decide atender a decisión do goberno, senón que decide facer exactamente o contrario do que se pediu democraticamente no pleno, manifestou a voceira nacionalista ao respecto, tras explicar que o Bloque decidiu tratar novamente este tema posto que no mes de outubro xa se aprobou unha moción instando ao goberno a non instalar o barco na rotonda en Coia.
Iolanda Veloso destacou que o BNG traslada as demandas da cidadanía que se opón á instalación do barco na rotonda, en referencia ás persoas que diariamente se manifestan en Coia, que xa paralizaron as obras en varias ocasións e que piden que eses cartos se utilicen para dar de comer as familias que o necesitan.
Actitude soberbia
Non escoitamos argumentos, non escoitamos máis que mentiras, insultos e desprezos a todos aqueles manifestamos as nosas discrepancias, manifestou a voceira do Bloque neste sentido, lembrando que a primeira vez que o BNG preguntou por este asunto o alcalde non contestou. vostedes actúan cun autoritarismo impropio do alcalde e da tenente de alcalde, criticou a responsable nacionalista perante a actitude soberbia e baseada en falsidades do equipo de goberno.