O Bloque apoia a mobilización contra o peche dos COF convocada pola plataforma pola sanidade pública

O Bloque apoia a mobilización contra o peche dos COF convocada pola plataforma pola sanidade pública

Iolanda Veloso denuncia os ataques do PP aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e anima a participar na manifestación do domingo polo aborto libre e gratuíto

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e diversos integrantes da dirección local do Bloque mantiveron unha xuntanza coa plataforma en defensa pola sanidade pública. Neste encontro o BNG trasladoulles o total apoio da fronte nacionalista á mobilización convocada para o vindeiro venres, 21 de xuño diante do COF de Coia, en protesta contra o peche dos centros de planeamento familiar.

“Estamos diante dun novo ataque á sanidade pública executado polo Partido Popular, e en concreto á atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres que obedece a unha estratexia ideolóxica”, criticou Iolanda Veloso, ao tempo que denunciou a redución progresiva dos recursos e prestacións destes centros.

A portavoz municipal nacionalista salientou que precisamente o PP aproveita a supresión dos COF para montar a Red Madre, “integrada por colectivos de orientación relixiosa de máis que dubidosa profesionalidade”, sinala. Pola contra, lembrou que os centros de planeamento familiar son os únicos dispositivos públicos especializados na atención integral á saúde sexual das mulleres.

“Desde o BNG rexeitamos a substitución de profesionais da sanidade por entidades relixiosas que promociona a Secretaría xeral de Igualdade a través das subvencións públicas”, subliñou a resposable do Bloque.

Garantir a decisión das mulleres

Iolanda Veloso explicou que o BNG está a desenvolver a campaña “O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto” en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, co fin de garantir a decisión sobre os seus corpos e o acceso gratuíto á interrupción do embarazo na sanidade pública.

Nesta liña fixo un chamamento a participar este domingo 16 de xuño na manifestación convocada pola Plataforma galega polo dereito ao aborto, que sairá ás 17 horas da estación de tren de Santiago de Compostela.

Asemade, e fronte ao desmantelamento da sanidade pública que está acometendo o Partido Polpular, o Bloque apoiará todas as mobilizacións organizadas pola plataforma, como a cadea humana prevista para o vindeiro 27 de xuño en Vigo.

 

O Bloque apoia a mobilización contra o peche dos COF convocada pola plataforma pola sanidade pública