A Favec concorda co BNG na importancia de acadar acordos e convocar o CES para potenciar Peinador

A Favec concorda co BNG na importancia de acadar acordos e convocar o CES para potenciar Peinador

Iolanda Veloso salienta que o BNG xa presentou a súa proposta para Peinador "sen agardar a ningunha data de mobilización"

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e o secretario comarcal nacionalista, Manuel Caride, mantiveron unha reunión coa directiva da Favec co obxectivo de trasladarlle as alternativas elaboradas pola fronte nacionalista para potenciar o aeroporto vigués e a urxente convocatoria do Consello Económico e Social. “Reclamamos as políticas que teñen que desenvolver as distintas administacións para impulsar Peinador”, salientou Iolanda Veloso.

“Seguimos tomando contacto coas distintos axentes económicos e sociais da cidade porque pensamos que a alternativa para Peinador ten que ser sumando vontades e chegando a consensos”, explicou a portavoz nacionalista ao inicio da xuntanza, na que o secretario da FAVEC, Francisco Piñeiro, subliñou que para defender Peinador cómpre “chegar a acordos entre as forzas da cidade e unha boa solución sería convocar dunha vez o CES”.

Iolanda Veloso salientou que o BNG xa presentou as súas propostas para Peinador, -entre as que figuran a recuperación do comité de rutas para coordinar o sistema aeroportuario galego, así como o desenvolvemento do plan director do aeroporto mediante a ampliación das pistas, a mellora dos accesos e a intermodalidade-.

“Para o Bloque, e dadas as circunstancias, as propostas non poden ir na liña de subvencionar voos porque iso só é darlle cartos ás aeroliñas”, subliñou a nacionalista, quen tamén asegurou que “temos claro que o de Peinador é un problema importante, pero non é o máis grave que ten a cidade”.

Acto de fe

“Pero nós non agardamos á data de ningunha mobilización para explicar as nosas propostas”, comentou a responsable do BNG a respecto das declaracións do alcalde nas que afirmou que presentará as súas propostas para Peinador despois da convocatoria do día 19.

Segundo explicou a nacionalista, no Bloque “primeiro explicamos as nosas alternativas, as negociamos e as debatemos, mentres que o alcalde quere a todas costa impoñer o seu criterio”.

Para Iolanda Veloso, coa súa actitude o que pretende o alcalde é “un acto de fe”, pero ao seu xuízo xa desde a súa etapa como ministro “demostrou que non ofrece moitas garantías para confiar”.

Aprender do alcalde de Porto

No tocante ás declaracións feitas por Caballero tras o acto conxunto que tivo lugar esta mañá entre o alcalde de Vigo e o de Porto, Iolanda Veloso destacou que o mandatario vigués “debería de aprender de Rui Río”, xa que é quen de conseguir apoios do goberno do seu país para impulsar o aeroporto da súa cidade.

“En lugar de meterse co alcalde de Porto, o alcalde de Vigo debería tomar nota: os feitos demostran que o goberno portugués aposta polo Sáa Carneiro mentres Caballero non ten capacidade para que o goberno central aposte polo aeroporto de Vigo”, subliñou a portavoz nacionalista.

 

A Favec concorda co BNG na importancia de acadar acordos e convocar o CES para potenciar Peinador