O Bloque aposta por aumentar a protección ambiental e poñer en valor os montes da cidade

O Bloque aposta por aumentar a protección ambiental e poñer en valor os montes da cidade

Serafín Otero anunciou que o BNG promoverá unha modificación parcial do planeamento urbanístico para impedir a instalación de Porto Cabral en Liñeiriños

 

present 55 medidas programa 2Vigo, 8 de maio de 2015.- “O próximo goberno de Vigo ten que cambiar radicalmente o xeito de actuar sobre o medio ambiente”, desta maneira Serafín Otero explicou a proposta do BNG de aumentar a protección ambiental dos montes da cidade e a súa posta en valor. O candidato á alcaldía do BNG-Asembleas Abertas considerou que a cidade “non pode vivir de costas” ao litoral, nin ao sistema fluvial nin aos montes que a rodean e que “constitúen o pulmón verde da cidade e da súa área de influencia”

“O medio natural urbano debe ter unha nova dimensión na xestión municipal e ser de carácter transversal”, afirmou Otero, referíndose en particular aos montes periurbanos, xa que na súa opinión deberían conformar un gran parque meropolitano no que se harmonizasen os distintos usos.

Arredor desta proposta o candidato nacionalista apostou por que “ese gran parque natural cumpra un papel estratéxico no entramado urbano e que preste un servizo ambiental e de desenvolvemento social”. Otero apuntou tamén a necesidade de que Vigo volva a inserirse en proxectos de envergadura internacional como Natureza Viva, que quedaron paralizados nos últimos anos.

Oposición a Porto Cabral

O candidato do BNG-AA reiterou a súa “total oposición” ao proxecto de implantación dun macrocentro comercial no polígno de Liñeiriños, en Cabral. Otero lembrou que o programa aberto do BNG xa inclúe a proposta de declarar Vigo como zona saturada de grandes áreas comerciais, o que se traducirá nunha moratoria de dez anos na concesión de novas licenzas para este tipo de estabelecementos.

Neste sentido reiterou que é necesario “apostar totalmente polo pequeno e mediano comercio da cidade, que é o que crea emprego real e vertebra a cidade, e tamén protexer ao máximo o noso medio natural”. Ao seu xuízo, estes obxectivos implican necesariamente a modificación da previsión urbanística referida ao polígono de Liñeiriños, para o que fixo público o compromiso do BNG de promover unha modificación parcial do PXOM para impedir a instalación e Porto Cabral.

Para levar a cabo este cambio no planeamento, Otero defendeu que o proceso ten que ser “transparente e participativo”, de forma que se escoite activamente aos colectivos afectados, “que teñen moito que dicir”, apuntou ao respecto.

“Temos que evitar a construción dun macrocentro comercial e aumentar a protección do monte comunal”, enfatizou ao tempo que avanzou que mañá participará na marcha convocada pola asociación “O monte non se vende” en contra da instalación do macrocentro.

 

O Bloque aposta por aumentar a protección ambiental e poñer en valor os montes da cidade