O Bloque critica que a dirección de Povisa poña en risco a asistencia sanitaria da área de Vigo
As deputadas do BNG Carme Adán e Montse Prado criticaron que a dirección de Povisa poña en risco a asistencia sanitaria da área de Vigo coa súa decisión de substituir unilateralmente o convenio colectivo. E impresentable que a Consellería permita que unha empresa con ganancias como Povisa impoña o cambio de convenio, asegurou Carme Adán as portas dos xulgados nos que esta mañá tivo lugar o xuizo pola aplicación deste convenio.
As deputadas nacionalistas acompañaron aos traballadores e traballadoras deste centro hospitalario que hoxe se concentraron diante dos xulgados vigueses en protesta pola aplicación do convenio provincial, despois de máis dunha semana de folga. Cal é a xustificación para substituir o convenio?, cuestionou Carme Adán, quen criticou que o provincial provoca unha forte recorte nos dereitos laborais e unha considerable rebaixa dos salarios.
Neste sentido, Carme Adán criticou a inacción do goberno galego, deixando que esta empresa poña en risco a atención sanitaria de preto de 150.000 usuarios e usuarias que teñen Povisa como hospital de referencia. Este é un exemplo máis de que Feijóo mira para outro lado diante dos problemas, asegurou.
Complicidade do PP
Este conflito é consecuencia dunha reforma laboral nesfasta para a clase traballadora que dinamitou a negociación dos convenios colectivos dándolle todo o poder as empresas, subliñou pola súa banda Monste Prado. Para a deputada nacionalista é evidente que empresas como Povisa contan coa complicidade do Partido Popular no goberno da Xunta para tomar estas decisións.