O BNG insta ao goberno galego a impedir a substitución do convenio colectivo de Povisa
O Bloque Nacionalista Galego presentou xa unha iniciativa no Parlamento galego para que o goberno atenda as demandas da plantilla de Povisa e non permita a substitución do convenio colectivo, tal e como pretende a empresa do centro unilateralmente. Así o defendeu a deputada nacionalista Carme Adán tras a xuntanza que mantivo con traballadores e traballadoras do hospital na entrada do mesmo, e na que tamén participaron a deputada Monste Prado e o responsables comarcal e local do BNG, Manuel Caride e Henrique Viéitez.
Nesta comarca hai preto de 150.000 usuarios e usuarias deste hospital, polo que o goberno galego non pode mirar para outro lado, subliñou Carme Adán, quen considerou que o problema laboral que están vivindo é inxusto, ao querer impoñerlles o cambio de convenio.
Para a deputada do BNG é incrible que unha empresa como Povisa, que non ten perdas, queira baixarlle o soldo o 40% aos traballadores e traballadoras. Cremos que é unha situación tremendamente grave, e por iso demandamos que a Consellería se sente xa cos traballadores, reclamou.
Carme Adán lembrou que as reclamacións do persoal deste hospital non son novas, xa que no 2009 a empresa foi denunciada por vulnerar os dereitos elementais dos traballadores e traballadoras, momento no que os organismos competentes deron a razón á representación sindical.
Prestación sanitaria
Por outro lado, e tendo en conta que Povisa é o centro que teñen asignado como hospital de referencia preto de 150.000 persoas, o BNG considera que o goberno galego debe asumir as súas competencias xa non só en materia laboral, senón tamén en materia sanitaria.
Neste sentido, Carme Adán explicou que a proposición non de lei presentada polo Bloque tamén insta ao goberno galego a garantir a prestación do servizo sanitario das persoas usuarias que teñen Povisa como centro de referencia. Queremos que os usuarios e usuarias deste hospital non vexan rebaixada a súa calidade asistencial, recalcou a deputada nacionalista.
Para ver a iniciativa rexistrada polo BNG no Parlamento galego prema aquí: BNG iniciativa Povisa