O Bloque demanda apoio para saír da crise e garantir os postos de traballo

O Bloque demanda apoio para saír da crise e garantir os postos de traballo

Iolanda Veloso expresa a preocupación do BNG polo desmantelamento do sector industrial e a precarización dos postos de traballo

xuntanza BNG CCOO

 

Vigo, 2 de decembro de 2014.- A voceira municipal do BNG, Iolanda Veloso, subliñou a “fonda preocupación” da formación nacionalista polo desmantelamento do sector industrial, vigués especialmente polo naval e automoción. Iolanda Veloso así o manifestou previamente á xuntanza que mantivo coa secretaria comarcal de CCOO, Amalia Pérez, e na que tamén participaron o concelleiro do BNG, Santi Domínguez, e o secretario de Metal desta central sindical, Ramón Sarmiento, celebrada a petición do sindicato.

Iolanda Veloso salientou asemade a preocupación do Bloque pola precarización do emprego e os continuos ERES, que segundo explicou son “froito das políticas desenvolvidas pola goberno do Estado e da Xunta, que ten unhas terribles consecuencias para a comarca de Vigo”.

“Durante estes anos fixemos diversas propostas, como as emendas aos orzamentos da Xunta e aos do Estado”, afirmou a portavoz nacionalista, en referencia ás partidas específicas destinadas á creación de emprego nestes sectores industriais e de aproveitamento do I+D+i, como a creación do centro de reparación naval. Precisamente neste sentido destacou a necesidade de “ter en conta o potencial de I+D+i da nosa cidade”.

Iolanda Veloso tamén asegurou que cómpre o apoio do goberno “para saír da crise, garantir os postos de traballo e evitar que as persoas empregadas cada vez teñan máis problemas para sobrevivir”. Segundo manifestou, “a crise non pode ser unha escusa para precarizar as condicións de traballo”.

Críticas ao labor comercial de Feijóo

Por outro lado, a voceira do Bloque criticou o “labor comercial” desenvolvido nestes anos polo presidente da Xunta. Ao respecto criticou que o resultado desta tarefa no sector naval é “evidentemente ningún”, polo que alertou que as consecuencias poden ser as mesmas no sector da automoción.

 

O Bloque demanda apoio para saír da crise e garantir os postos de traballo