O pleno aproba que o goberno conxele as tarifas de bus urbano e cree o bono para desempregados

O pleno aproba que o goberno conxele as tarifas de bus urbano e cree o bono para desempregados

Na defensa da iniciativa do BNG, Iolanda Veloso subliña que debería ser unha “prioridade” o acceso ao transporte público de toda a cidadanía

 

moción transporteVigo, 1 de decembro de 2014.- Cos votos a favor dos populares e en contra dos socialistas, no pleno de hoxe o BNG conseguiu sacar adiante a iniciativa na que reclama a conxelación das tarifas do billete ordinario e das diferentes tarxetas do transporte público municipal para 2015. Aprobouse tamén a creación dun bonobús para persoas desempregadas de longa duración con ingresos inferiores ao salario mínimo interprofesional.

Na defensa desta moción, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, subliñou que “debería priorizarse o acceso ao transporte público de todo o mundo” e que para o BNG tamén é fundamental que o goberno local realice unha auditoría para coñecer “os datos reais” do transporte público vigués.

Iolanda Veloso defendeu a presentación desta iniciativa antes de que teña lugar a reunión para a actualización dos prezos, previsiblemente ao longo deste mes de decembro. “Trátase dun tema que vén ao pleno recorrentemente porque é un asunto moi importante que non se dá resolto”, sinalou en referencia a intervención do edil popular, Marcos Araújo.

Por outro lado, a voceira nacionalista resaltou “a realidade do novo mapa de liñas”, traducida en maiores tardanzas, eliminación de paradas e menores frecuencias. Segundo o documento aprobado, “actualmente na nosa cidade atopámonos cun transporte municipal colectivo ineficiente, que non atende as necesidades básicas dos desprazamentos da poboación”.

Neste sentido, Iolanda Veloso mencionou diversos casos de empeoramento do servizo, como é o dos autobuses que paran dez minutos na estación provisional de Guixar durante o seu recorrido ou da poboación que vive en Candeán, que agora non dispón de autobuses para trasladarse ao seu posto de traballo.

Emendas

O Bloque presentou dúas emendas a dúas mocións do PP, que foron rexeitadas. Por unha banda o grupo nacionalista propuxo instar ao goberno do Estado rebaixar o IVE do material escolar, as perruquerías e as actividades culturais do 21 ao 10%, e por outro, defendeu que os tratamentos de deshabituación tabáquica para traballadores e traballadoras do Concello fosen financiados polo Sergas.

Preguntas

Iolanda Veloso formulou diversas preguntas ao goberno local, unha delas relacionada cunha moción aprobada no pleno de xuño sobre a colocación de pictogramas nos edificios públicos e outra sobre o peche do servizo Súbete ao Castro, no que hai colocado un cartel de peche por obras. En ámbolos dous casos o alcalde manifestou que terá a resposta por escrito.

Ademais, a portavoz municipal do BNG manifestou a relevancia de que os grupos políticos que integran a corporación coñezan as novas bases que o goberno está elaborando para as axudas de emerxencia de 2015, ao que o alcalde contestou que as coñecerá “cando se publiquen”.

 

O pleno aproba que o goberno conxele as tarifas de bus urbano e cree o bono para desempregados