O Bloque demanda vontade política a PP e PSOE para que a nova estación sexa intermodal
Serafín Otero critica o uso deste proxecto como arma arroxadiza entre os partidos en lugar de dar resposta ás necesidades de Vigo
Olaia Fernández Davila critica que Fomento non responda claramente á pregunta formulada polo Bloque sobre a intermodalidade
Vigo, 16 de febreiro de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía, Serafín Otero, e a deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila, demandaron vontade política as institucións implicadas na construción da estación do AVE e instaron a PP e PSOE a poñerse de acordo para que a nova estación dea resposta ás necesidades da cidade. Neste sentido defenderon que a nova estación sexa intermodal, de forma que estea conectada coa estación de autobuses, o porto, o aeroporto, a autoestrada e a Universidade.
Se a nova estación de Vigo non é intermodal e non inclúe a estación de autobuses será unha estación coxa, salientou Serafín Otero, quen defendeu que este proxecto será factible se hai vontade política para a súa construción. Neste sentido criticou que o PP e o PSOE están utilizando a estación como arma arroxadiza e electoralista, de forma que a única que sae prexudicada é a cidadanía.
O candidato nacionalista puxo como exemplo de acordo para levar adiante un proxecto de cidade o caso da depuradora e asegurou que os grandes proxectos como este deben basearse en compromisos firmes e non en promesas electorais que se repiten cada catro anos e que logo quedan en nada.
Non entendemos como a estas alturas seguimos sen un proxecto claro, criticou Otero, quen fixo referencia ao anunciou da licitación do proxecto por 35 millóns pero do que nós non temos ningunha comunicación, apuntou, ao tempo que sinalou que desde o BNG xa se advertiu contra a construción dun proxecto faraónico como o de Tom Mayne. Entendemos que este proxecto non se vai levar adiante porque non hai financiamento privado; pero o que non entendemos e por que se tirou para adiante, manifestou.
Ao respecto subliñou que Vigo non precisa un proxecto faraónico, senón unha instalación adecuada á realidade da nosa cidade e que dea resposta as súas necesidades. Desta forma, ademais dunha infraestrutura intermodal defendeu que a estación de Vigo debería contar con servizos socioculturais e servizos comerciais básicos. Serafín Otero tamén salientou a necesidade de que Vigo teña un bo servizo de trens de proximidade, que conecten a cidade coa súa área de influencia.
Pola súa banda, a deputada no Congreso, Olaia F. Davila expresou a insatisfacción do Bloque coa resposta dada polo ministerio de Fomento á pregunta e á proposición non de lei presentadas pola formación nacionalista sobre a construción da estación e a posibilidade de que sexa intermodal.
Diante da inconcreción de Fomento, queremos deixar clara a proposta do BNG sobre a estación, que vai no noso programa electoral para este 2015, destacou Davila, para quen a estación non pode quedar relegada a unha simple estación de saída e chegada de trens. Ao seu xuízo esta infraestrutura debe prestar un servizo público á cidadanía, polo que defendeu que sobre todo debe ser funcional.