Serafín Otero reclama que os criterios para conceder axudas de emerxencia sexan claros e obxectivos

Serafín Otero reclama que os criterios para conceder axudas de emerxencia sexan claros e obxectivos

O candidato do Bloque defende que o Concello debe fixar como prioridade evitar que se produza a pobreza enerxética

 

concentración dereitos sociais 2Vigo, 18 de febreiro de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, participou esta mañá na concentración de apoio á cidadá á que se lle denegou unha axuda de emerxencia municipal para afrontar os pagos no subministro de luz e gas. “Non é de recibo que o Concello permita que haxa vigueses e viguesas que xa sofren a pobreza enerxética ao non poder costear uns servizos básicos como estes ”, destacou.

Para o candidato nacionalista, un dos principais obxectivos do goberno municipal debe ser “evitar que haxa cidadás que non poden vivir, que non poden tan sequera sobrevivir”, sinalou en referencia ao argumento esgrimido para denegarlle a axuda: a solicitante cobra unha Risga de 239 euros e segundo os servizos sociais municipais con estes cartos pode afrontar os gastos xerais e de subministro de vivenda xa que son gastos ordinarios.

“É difícil de entender que a esta persoa se lle denegue a axuda, e máis tendo en conta que ten dúas crianzas ao seu cargo”, denunciou Serafín Otero, para quen que haxa casos de persoas que se ven obrigadas a acudir aos tribunais para esixiren o seu dereito a recibir unha axuda social “volve sinalar a necesidade de reforzar os servizos sociais municipais co persoal suficiente”.

O candidato do BNG subliña que é “indispensábel que os criterios para conceder ou denegar axudas que están destinadas a persoas en situación de emerxencia social sexan claros, obxectivos e transparentes, e os procedementos deben dar as maiores garantías”. Ademais, para Otero, o combate da pobreza tamén debe ser preventivo, “axudando antes de que sexa demasiado tarde”.

concentración dereitos sociaisNeste sentido lamentou que esta necesidade de prever a probreza “nin o Concello nin a Xunta semellan entender”, en referencia os atrasos que se están producindo na tramitación da Renda de Integración, que nalgúns casos chegan aos 8 meses. Recordou ademais que as solicitudes de Risga aumentaron un 70% nos últimos anos, mentres que a plantilla para xestionala decreceu un 10%.

Execución dos orzamentos

Serafín Otero, por outro lado, salientou que o goberno municipal debe explicar o feito de que ao tempo que se denegan axudas a xente que as precisa “cada ano deixe sen executar unha parte importante do orzamento municipal que se destina a este concepto”. Ao seu xuízo, diante da dramática situación que se vive na cidade “hai que reformular estas cuestións para que ninguén que necesite apoio fique sen el”.

Sinalou ademais que cómpre “actualizar os criterios e os limiares de renda para enfrontarmos o crecente empobrecemento, para botar unha man a quen atravesa serias dificultades para facer fronte a gastos básicos para a súa subsistencia e corre o risco de exclusión”.

 

Serafín Otero reclama que os criterios para conceder axudas de emerxencia sexan claros e obxectivos