O Bloque demanda que a Xunta cubra a praza de reumatoloxía pediátrica en Vigo
Carme Adán e Montse Prado recollen en diversas iniciativas ao Parlamento galego tras reunirse cos pais e nais das crianzas afectadas
Iolanda Veloso defenderá no pleno de mañá unha moción co obxectivo de que a corporación apoie as reclamacións das familias
Vigo, 3 de setembro de 2014.- As deputadas Carme Adán e Montse Prado rexitraron dúas proposicións no de lei, dúas preguntas e unha interpelación no Parlamento galego sobre a necesidade de que o goberno galego restitúa unha praza de reumatoloxía pediátrica na área de Vigo. Tras a reunión que mantiveron coas nais e pais das crianzas afectadas, na que tamén participou a portavoz municipal Iolanda Veloso, as nacionalistas fixéronse eco dos prexuízos que están vivindo as familias debido a supresión dunha das prazas desta especialidade.
A eliminación dunha das prazas provoca atrasos nas citas e un claro paso atrás na atención a esta doenza crónica, denuncian as deputadas do Bloque, quen lembraron que neste sentido se manifestaron a Liga Reumatolóxica Galega e a Xunta da Sociedade de Reumatoloxía Pediátrica, que nunha comunicación din que desaproba a decisión tomada pola dirección do Hospital Xeral de Vigo e ve con preocupación a falta de reumatólogos pediátricos en Galiza.
Calidade asistencial
O BNG considera que o goberno galego debe ter en conta as consideracións dos especialistas, segundo as cales un diagnóstico precoz, por equipos de profesionais expertos e por equipas multidisciplinares permite mellorar a calidade de vida e facilitar a súa integración.
Cómpre que o goberno galego cubra a praza de reumatoloxía pediátrica cun profesional con formación e experiencia avalada pola SERPE para que se garanta a calidade asistencial aos nenos e nenas con doenzas reumatolóxicas, subliñan as deputadas do Bloque na proposición non de lei.
Montse Prado e Carme Adán tamén preguntan ao goberno galego cantos facultativos existen en Galiza con esta especialidade así como en que centros e en que servizos prestan esta atención. A existencia a día de hoxe dun só pediatra especialista en reumatoloxía na área sanitaria de Vigo parécelle suficiente para atender a toda a demanda da área?, inquiren.
Moción urxente
Neste sentido, o Bloque levará unha moción ao pleno de mañá, pola vía da urxencia, co obxectivo de que a corporación respalde as reclamacións destas familias. É necesario que o goberno galego acometa todas as accións precisas para garantir a atención de reumatoloxía pediátrica a toda a poboación infantil da área de Vigo, subliñou Iolanda Veloso.