Veloso: O BNG seguirá facendo oposición e esixindo máis actuacións en emprego e servizos sociais"
A voceira nacionalista detallou as prioridades do Bloque vigués no inicio do curso político e reclamou máxima transparencia ao goberno local
Vigo, 2 de setembro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, destacou as prioridades da fronte nacionalista en Vigo no inicio do curso político, salientando que seguirá na súa labor de oposición esixindo ao goberno local máis actuacións en emprego e servizos sociais e a máxima transparencia. Criticou asemade que os grandes problemas da cidade continúan estancados malia o pacto electoralista acordado por PP e PSOE para aprobar os orzamentos municipais.
A situación laboral e os problemas sociais non mudan, por iso é imprescindible un maior compromiso nestes eidos, afirmou Iolanda Veloso, ao tempo que lamentou que segue habendo recortes por parte da Xunta polo que o goberno local ten que atender as persoas que os padecen de forma prioritaria fronte a outras cuestións.
Debate disparatado
Por outro lado a voceira nacionalista criticou o debate disparatado no que están inmersos PP e PSOE, en alusión ao pleno da Deputación celebrado onte, no que o seu presidente chamou Pulgarcito ao alcalde da cidade. Denunciou ademais que pese ao pacto orzamentario ao que chegaron en Vigo, este non serve para solucionar os problemas da cidadanía.
Neste sentido sinalou que ese pacto non serve para evitar que se constrúa un hospital privatizado na cidade, nin para evitar o peche do centro de saúde de Beiramar ou que Vigo teña a maior lista de agarda de Galiza mentres se asina un novo convenio con Povisa. Iolanda Veloso tamén se referiu a situación de Samil como exemplo do debate do e ti máis entre PP e PSOE, ao estar a piques de perder a oportunidade de rexenerar completamente este areal.
Para nós é un pacto cun obxectivo puramente electoralista e pódese ver que o PP deixa de facer oposición cun obxectivo claramente partidista, sinalou a portavoz municipal do BNG. Pola contra, destacou que o Bloque seguirá facendo oposición e esixindo que o goberno solucione os problemas da cidadanía dando contas con absoluta transparencia.