O Bloque demanda que a Xunta recupere o sistema de préstamo universal dos libros de texto

O Bloque demanda que a Xunta recupere o sistema de préstamo universal dos libros de texto

Iolanda Veloso expresa a preocupación de nais e pais perante a necesidade de adquirir novos manuais coa implantación da Lomce

OLYMPUS DIGITAL CAMERAVigo, 16 de abril de 2014.- A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, presentou unha moción na que o Bloque propón á corporación un acordo para reclamar que a Xunta volte ao sistema de préstamo universal dos libros de texto e se avance na gratuidade de todos os medios que se utilicen no ensino público. Iolanda Veloso expresou a preocupación de nais e pais polo comezo do vindeiro curso perante a implantación da nova lei educativa do PP.

“Temémonos que no inicio do curso que vén haxa nenos e nenas que non poidan levar os manuais correspondentes e por tanto non poidan seguir as clases con normalidade”, alertou a voceira do BNG perante a entrada en vigor da Lomce nos cursos de 1º, 3º e 5º de Primaria e 1º de Formación Profesional Básica, o que obrigará ao estudantado destes niveis a adquirir manuais adaptados aos novos decretos de ensinanzas mínimas.

Iolanda Veloso advertiu asemade que a esta circunstancia se suma o recorte do 40% do programa de financiamento de libros de texto e material escolar no ensino obrigatorio. “Para nós este é un problema que vai agravar aínda máis a situación de moitas familias”, subliñou recordando a grave situación económica pola que atravesan moitas persoas nestes momentos.

Indignación da confederación de anpas galegas

A voceira nacionalista lembrou que xa Foanpas presentou no consello escolar de Vigo, celebrado a semana pasada, unha moción neste mesmo sentido. Asemade, fixo referencia á indignación da confederación das anpas galegas a respecto das palabras do ministro de Educación nas que aseguraba que estas cuestións relacionadas coa educación eran unha 'cuestión das prioridades das familias'.

“A accesibilidade ao sistema educativo non é unha prioridade das familias, senón unha cuestión de dereitos, e corresponde ao titular de Educación garantir que se cumpra este dereito”, subliñou Iolanda Veloso, quen destacou que o carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios constitúe un instrumento dirixido a garantir a igualdade entre nenos e nenas.

Pola contra, a portavoz do Bloque criticou que xa as discriminacións e desigualdades que recolle a Lomce “xa se puxeron en práctica no noso país por parte do goberno do PP”. Fronte a esta situación, o BNG pide na súa proposta que se doten os centros de persoal abondo para xestionar axeitadamente o sistema de préstamo e que non se cambien os libros de texto para o vindeiro curso escolar naqueles cursos en que se vai implantar a nova lei educativa.

Bolsas de inglés

“Trátase dun programa que non ten que ver coas competencias educativas do Concello, que se puxo en marcha en función do expediente pero sen ter en conta o nivel de renda”, explicou Iolanda Veloso preguntada polas críticas do alcalde ao BNG pola súa oposición á inclusión das bolsas de inglés nos orzamentos asegurando que o Bloque non quere que os fillos e fillas dos traballadores aprendan idiomas.

A voceira nacionalista subliñou que por culpa das políticas do PP cada vez menos nenos e nenas teñen menos cubertas menos prioridades básicas, como non poder comer no comedor escolar, non poder mercar libros ou non ter terapeutas especializados non centros escolares públicos. “Nós pedimos que primeiro se garantan estas cuestións básicas para os fillos dos traballadores e traballadoras en situación de desemprego e sen ningunha prestación, para eses para os que o alcalde non lles quere facilitar nin o bono bus”, destacou.

“Que non nos diga que a preocupación deste Concello é mandar 15 días aos nenos a Inglaterra cando moitos deles poderían ir do seu peto”, criticou Iolanda Veloso, quen denunciou que o ano pasado houbo nenos e nenas que quedaron fóra das bolsas de comedor o alcalde non se preocupou por facer unha modificación de crédito para concederllas, como si fixo hai dous anos coas bolsas de inglés. “É unha cuestión de prioridades que nós non compartimos”, concluíu.

 

O Bloque demanda que a Xunta recupere o sistema de préstamo universal dos libros de texto