Iolanda Veloso esixe ao alcalde que xestione a mellora e o traspaso da avenida de Madrid

Iolanda Veloso esixe ao alcalde que xestione a mellora e o traspaso da avenida de Madrid

A portavoz nacionalista subliña que é un vial fundamental para Vigo e que cómpre aumentar a súa seguridade para solventar os problemas de circulación

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vigo, 17 de abril de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, reclama ao alcalde de Vigo que exerza como tal e xestione co ministerio de Fomento o traspaso da avenida de Madrid e que esta cesión sexa nas mellores condicións posibles. Para a voceira nacionalista resulta “inadmisible” que Fomento estea á espera de que o Concello de Vigo lle remita o acordo plenario de 2009 solicitando esta cesión.

Iolanda Veloso lembra que esta foi precisamente a resposta do ministerio que dirixe Ana Pastor a unha pregunta formulada en decembro do ano pasado pola deputada do BNG Olaia Fernández Davila. Nesa pregunta, a deputada nacionalista demandaba a Fomento “respostas claras e concretas” sobre o traspaso, así como explicacións sobre se o ministerio faría as melloras oportunas ou se acompañaría o traspaso da partida orzamentaria correspondente para rehabilitala.

“É tremendamente curioso que Fomento diga que está a espera do acordo 'tal e como xa foi comunicado' e que unha vez recibido continuará cos trámites correspondentes”, manifestou a voceira do Bloque, quen reclamou ao alcalde que explique “que accións fixo ao respecto, se é que fixo algunha”, apuntou.

Pregunta no pleno

Iolanda Veloso recordou asemade que no pleno do pasado mes de setembro o grupo nacionalista preguntou ao goberno local se o ministerio de Fomento comunicou oficialmente o traspaso da avenida de Madrid ao Concello de Vigo, tal e como vén reclamando o BNG desde hai anos. “Neste caso o alcalde limitouse a contestar que non se fixo ningún traspaso”, indicou.

“Entre a ineficacia de Caballero, que non xestiona esta cesión aínda que xa anunciou a súa humanización varias veces, e a inoperancia de Fomento, seguimos coa avenida de Madrid sen arranxar e con graves problemas de circulación”, criticou Iolanda Veloso, para quen é fundamental acometer melloras neste vial de entrada á cidade.

 

Iolanda Veloso esixe ao alcalde que xestione a mellora e o traspaso da avenida de Madrid