O Bloque denunciará ante Patrimonio Histórico o asfaltado dunha pista do parque de Castrelos
Serafín Otero defende a eliminación do tráfico rodado no Quiñones de León, catalogado como Ben de Interese Cultural
Vigo, 17 de marzo de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía, Serafín Otero, criticou o asfaltado dunha pista do parque Quiñones de León, tendo en conta que ten a catalogación de Ben de Interese Cultural. Para facer calquera tipo de actuación debería ter os seus respectivos permisos e non nos consta que haxa ningún deles, apuntou nunha visita que realizou a este parque e na que tamén participou o concelleiro Xabier Alonso; a candidata 10 da lista, Maribel Tato; e o responsable comarcal e candidato 5, Manuel Caride.
Desde o BNG formularemos unha pregunta no próximo pleno para que o alcalde dea contestación e ao mesmo tempo presentaremos unha denuncia na dirección xeral de Patrimonio Histórico, anunciou o candidato nacionalista, quen salientou o valor do parque como pulmón da cidade e considerou que debe ser respectado o máximo posible.
Serafín Otero defendeu que o BNG ten alternativas para Castrelos e o resto dos parques da cidade. En concreto, e en relación co Quiñones de León, salientou que debería eliminarse o tráfico rodado. Neste sentido o candidato nacionalista criticou que o parque conte xa con dúas vías asfaltadas e instou a que na que se actuou recentemente se faga o mantemento axeitado para impedir o paso de coches que non teñan autorización.
Queremos o contrario do que hoxe nos atopamos aquí, xa que o que vemos é outra estrada no medio de Castrelos, precisou.
Facilitar información da riqueza patrimonial
Pola contra, salientou que o BNG pretende que o parque cumpra os obxectivos para os que foi doado, como ben cultural, ben histórico e como elemento de lecer e para facer deporte. Entendemos que é un parque do que deberíamos presumir del e que toda a xente puidese ter información sobre o que representa e da totalidade da súa riqueza patrimonial, salientou. Cómpre facilitar información para que todos os vigueses poidan disfrutalo, manifestou.
Igualmente, o candidato do Bloque defendeu a protección e a posta en valor dos parques do Castro e da Guía, así como actuacións de mellora nos barrios e parroquias, nas que tamén son moi necesarias en oposición ás actuacións baseadas en macetas que fai o alcalde no centro.