Vence insta a aproveitar o 24M para dicir NON ao modelo sanitario do PP que prima o negocio privado
O portavoz nacional cita como exemplo que o 15% dos 75 millóns que recibe este hospital privado do Sergas van directamente a súa conta de beneficios
BNG-AA Vigo instala un hospital de campaña na Rúa Príncipe para denunciar a situación de emerxencia da sanidade pública
Serafín Otero anuncia que o Bloque leva ao pleno unha iniciativa de apoio aos traballador@s despedid@s de Povisa
Vigo, 15 de marzo de 2015.- O BNG-Asembleas Abertas instalou un hospital de campaña en plena Rúa Príncipe en Vigo como acto simbólico de denuncia da situación de emerxencia da sanidade pública pola política continuada de recortes e de privatización do PP, que se traduce nun recorte en 3.000 efectivos do persoal sanitario.
Baixo o lema tensiónate en defensa da sanidade pública, o portavoz nacional, Xavier Vence, instou á cidadanía a utilizar as eleccións municipais do 24 de maio como primeira oportunidade para derrotar ao PP e dicirlle non a súa política sanitaria que entende a saúde como un negocio para as empresas privadas, e que en Vigo ten Povisa como exemplo destacado.
En seis anos de Goberno do PP desapareceron 3.000 postos de traballo da sanidade pública e engordou a sanidade privada, moi particularmente na área sanitaria de Vigo onde esa aposta pola sanidade privada fai que un hospital privado como Povisa reciba 75 millóns de euros dos orzamentos do Sergas e 11 millóns, -un 15%-, vai para beneficio directo da empresa e non para a asistencia dos e das pacientes, denunciou o portavoz nacional.
Desde o Bloque temos moi claro que ese non é o modelo e que a totalidade dos recursos públicos deben destinarse a mellorar a calidade asistencial da cidadanía, insistiu, e a defender un sistema sanitario de saúde público e de calidade tamén desde os concellos.
Mentres Povisa ten garantido 75 millóns anuais nun convenio por 8 anos, e segue despedindo persoal, as urxencia do CHUVI se colapsan en explicación de Feijóo porque once operacións de cadeira nunha área sanitaria con cerca de 500.000 usuari@s potenciais. E, ao mesmo tempo, o futuro hospital xa nace privatizado posto que a infraestrutura é propiedade da empresa construtora, e o Sergas un mero inquilino.
Temos que ser capaz de trasladarlle á cidadanía que ten nas súas mans o 24M a posibilidade de poñer ao fronte dos concellos representantes como os da candidatura BNG-Asembleas Abertas que defenden por riba de todo unha sanidade pública de calidade ao servizo da cidadanía, e de dicir NON a unha política de recortes que está esnaquizando o sistema sanitario público, recalcou Vence.
Garantir medicamentos pese a exclusión social
O cabeza de lista BNG-Asembleas Abertas Vigo, Serafín Otero, anunciou que o grupo municipal vai levar ao próximo pleno unha iniciativa de apoio contra os traballadores e traballadores despedidos e en folga de fame polos despedimentos de Povisa, para instar a Xunta a que corrixa a imposición da empresa que afecta a calidade da prestación que presta en Vigo.
Otero denuncio a complicidade por omisión do alcalde, Abel Caballero, na situación da sanidade na cidade e enumerou as demandas do Bloque: máis centros de saúde de atención primaria e máis camas hospitalarias de media e longa estancia que eviten o colapso continuado dos servizos no CHUVI, e se reduza a lista de espera.
No propio ámbito do Concello, BNG-Asembleas Abertas propón unha liña de axudas municipal para cofinanciar os medicamentos de doentes crónicos que están en situación de exclusión social, non pode quedar nin unha soa persoa na cidade sen medicación por falta de recursos para pagalos, resaltou.
Vence e Otero tensiónanse pola sanidade pública
Igualmente, o programa do Bloque inclúe a creación dun Consello Municipal de Saúde, como canle institucional de participación dos e das profesionais da sanidade e dos colectivos cidadáns, tanto na toma de decisións como na participación de programas de promoción e educación para a saúde. Fronte a prepotencia do alcalde, apostamos polo diálogo, concluíu.
Nese acto reivindicativo de carácter simbólico participou persoal sanitario, entre eles o número tres da candidatura, Manuel Moreira, médico de profesión e integrante da Plataforma SOS-Sanidade Pública en Vigo, que tomou a tensión a todos e todas as viandantes que se acheguen a ese hospital de campaña na rúa Príncipe, de aí o lema desta protesta tensiónate en defensa da sanidade pública.