O Bloque esixe que o goberno estatal paralice o desmantelamento do transporte ferroviario

O Bloque esixe que o goberno estatal paralice o desmantelamento do transporte ferroviario

Iolanda Veloso convida a comprobar como Renfe oferta na súa web o percorrido Vigo-Santiago-Ourense en detrimento da liña directa Vigo-Ourense.

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, presentou a moción que o grupo municipal nacionalista levará ao pleno do vindeiro luns. No documento, o Bloque critica as medidas que o goberno central está adoptando co obxectivo de desmantelar e privatizar este servizo, así como a “opacidade” á hora de facilitar información aos usuarios e usuarias sobre os recortes.

“O BNG considera o transporte ferroviario como un servizo público básico e sustentábel economicamente, que constitúe un elemento de cohesión e vertebración social”, defendeu a nacionalista, quen destacou que o BNG levará esta moción ao pleno “para que o a corporación se manifeste sobre os servizos ferroviarios na nosa cidade”.

Iolanda Veloso salientou que o Bloque reclama que o goberno do Estado “desista do proceso de desmantelamento e privatización de servizos ferroviarios no noso país” e manteña as liñas existentes, en concreto Vigo-Ourense; Ourense-Puebla da Sanabria; Ourense-Monforte-Ponferrada; A Coruña-Ferrol; e A Coruña-Lugo-Monforte, así como unha mellora dos servizos e frecuencias que se veñen prestando en territorio galego.

No documento o BNG tamén demanda do Estado as transferencias en materia de ferrocarril, xunto cun financiamento axeitado, co obxectivo de crear unha compañía pública ferroviaria galega; así como o mantemento e desenvolvemento dos talleres e actividades auxiliares existentes na Galiza e a creación de módulos de Formación Profesional vinculados á actividade ferroviaria.

Máis periferia

Iolanda Veloso considerou que as medidas que está adoptando o goberno do Estado obeceden á paulatina privatización deste servizo e marcan a "tendencia do sistema de transporte no país, o que nos convirte en máis periferia”.

Neste sentido, a responsable nacionalista puxo como exemplo os recortes no servizo de media distancia, coa eliminación da maior parte das estacións e apeadeiros que se trata dunha situación “moi grave”, en tanto que en Galiza non existe o tren de cercanías. “Hoxe en día é máis doado ir a Madrid que viaxar na propia Galiza”, denunciou.

Convidou, ademais, a comprobar como Renfe, na súa páxina web oferta xa a viaxe Vigo-Santiago-Ourense, mentres que os horarios do transporte directo son cada vez máis escasos, coa eliminación de 14 percorridos. “Isto parécenos un despropósito, xa que supón deixar ao noso país desconectado”, asegurou

Iolanda Veloso tamén fixo referencia á eliminación do apeadeiro de Cesantes, que dificulta á viaxe entre Vigo e Pontevedra tanto para os usuarios que se trasladan á Universidade como para os que se dirixen ao seu posto de traballo. Entre as consecuencias dos recortes mencionou asemade o caso das persoas con bonos xa adquiridos e que teñen que deixar de utilizalos porque os novos horarios non se axustan ás necesidades.

 

O Bloque esixe que o goberno estatal paralice o desmantelamento do transporte ferroviario