O BNG demanda ás administracións que prioricen o dereito das persoas a vivir dignamente

O BNG demanda ás administracións que prioricen o dereito das persoas a vivir dignamente

O grupo municipal do BNG participou na mobilización en defensa da renda básica e baixo o lema “Vivir dignamente é un dereito”, organizada pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia. Para a portavoz municipal nacionalista, “as administracións teñen que priorizar estas demandas e atender as persoas que están atravesando unha situación máis complicada”.

Iolanda Veloso destacou que precisamente este foi o obxectico do Bloque cando propuxo a posta en marcha do plan social contra a crise, que na súa aprobación no pleno sumou un total de 3,2 millóns. “O BNG ten claras as súas prioridades: paliar as consecuencias da crise económica provocadas polas políticas crueis do Partido Popular”, subliñou.

“Tras os tremendos recortes do goberno central e da Xunta desde o Bloque pensamos que no plan de compensación contra a crise o Concello ten unha ferramenta apropiada para mitigar a grave situación que atravesan moitas familias en Vigo”, manifestou a portavoz municipal nacionalista.

Aumento de demandantes

Iolanda Veloso explicou asemade que o BNG reivindica a revisión das rendas de integracións “co obxectivo de garantir o dereito a vivir dignamente de todas as persoas”. Ao respecto apuntou que cómpre ter en conta o aumento do número de demandantes e de novos perfís, ao haber persoas que ata agora non eran demandantes de ningunha renda, debido ao dramático incremento do desemprego e os problemas de acceso á vivenda.

A responsable nacionalista quixo asemade poñer en valor a importancia da campaña desenvolvida pola ODS de Coia “Vivir dignamente é un dereito”. Concordou tanto na pertinencia da denuncia do crecente empobrecemento que están a padecer un gran número de persoas na nosa cidade como na esixencia dunha renda que permita cubrir as necesidades básicas. Considérase que a contía desta renda non debe ser inferior ao limiar da pobreza (863 euros ao mes) e que ademais de percibirse de xeito individual sexa universal e incondicional.

 

O BNG demanda ás administracións que prioricen o dereito das persoas a vivir dignamente