O BNG constata a grave situación do sistema ferroviario nun encontro cos comités de Adif e Renfe

O BNG constata a grave situación do sistema ferroviario nun encontro cos comités de Adif e Renfe

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e os concelleiros Santi Domínguez e Xabier Alonso mantiveron unha xuntanza con representantes dos comités de empresa de Adif e Renfe. No encontro constataron a gravidade da situación dos sistema ferroviario galego en xeral, e vigués en particular, debido ao deterioro do servizo e da perda progresiva de postos de traballo.

“Desde o BNG queremos chamar a atención sobre as graves consecuencias que ten para Galiza o proceso de privatización e liberalización de infraestruturas, material e servizos”, destacou Iolanda Veloso, quen sinalou que a xuntanza de hoxe enmárcase na campaña que está desenvolvendo o Bloque baixo o lema “Que non nos rouben o tren”.

A portavoz nacionalista explicou que no encontro os comités de empresa de Adif e Renfe expuxeron os recores que Galiza xa está a padecer recortes na oferta de mdia distancia, coa eliminación de estacións e apeadeiros, e a negativa a instalar nas áreas urbanas do país o servizo de proximidades.

Eliminación Vigo-Ourense

Neste sentido, o BNG alerta de que se están dando pasos para a supresión de trens directos Vigo-Ourense para substuílos polo percorrido Vigo-Santiago-Ourense. “Desta forma elimína o servizo ferroviario ás poboacións do Miño, como é o caso do apeadeiro de Louredo-Os Valos no Concello de Mos”, critica Iolanda Veloso.

A responsable nacionalista tamén chamou a atención sobre o “incumprimento de outras demandas”, como a referida ao apeadeiro de Chapela. “Perdeu a estación por causa das obras do AVE, e está pendente a execución do proxecto dunha nova estación. Malia que aparece no BOE, non se sabe se se vai facer”, comentou, ao tempo que lembrou que este problema súmase á redución de paradas en Cesantes.

Vigo-Porto

A respecto da conexión entre Vigo e Porto, na xuntanza co grupo municipal tamén se puxo de manifesto que a redución do tempo de transporte entre estas dúas cidades de 3 a 2 horas acadouse a costa da redución de paradas e o deterioro do servizo, e non pola mellora de infraestruturas.

Ao respecto, a portavoz municipal do BNG considerou que contar cunha rede ferroviaria “compatíbel para persoas viaxeiras e mercadorías, con dupla vía e electrificada e que prime a mobilidade interior non só é unha necesidade para vertebrar Galiza”, senón que tamén cómpre ter “conexións axeitadas” con Portugal.

Perda de emprego

Outra das consecuencias do desmantelamento de Renfe e Adif radica na perda de postos de traballo. Se ben a medio prazo en Vigo estímase que serán 11 os empregos destruídos, pero que a longo prazo a perda de postos de traballo será moito maior.

“Para o BNG é fundamental potenciar os servizos de proximidade ferroviario como factor de dimamización das poboacións e como medio de transporte respectuoso co medio ambiente, pero tamén como fonte de emprego de calidade”, subliñou Iolanda Veloso.

 

O BNG constata a grave situación do sistema ferroviario nun encontro cos comités de Adif e Renfe