O Bloque insta a adherir os centros superiores de artes escénicas ás universidades públicas

O Bloque insta a adherir os centros superiores de artes escénicas ás universidades públicas

Olaia Fernández e Serafín Otero transmitiron o apoio ás demandas de profesorado e alumnado da Escola Superior de Arte Dramático

Con motivo do Día Internacional do Teatro, o BNG impulsa un manifesto que reclama apoio para a cultura galega

 

rolda artes escénicasVigo, 27 de marzo de 2015.- A modo de homenaxe ao mundo da cultura no Día Mundial do Teatro, o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, e a deputada no Congreso, Olaia F. Davila, mantiveron un encontro con profesorado e alumnado da Escola Superior de Arte Dramático para expresar o respaldo do BNG as súas reclamacións. Entre estas figura a equiparación das ensinanzas artísticas superiores á situación existente no resto de Europa, integrándose así no Espazo Europeo de Educación

Olaia Fernández salientou a presentación e rexistro no Congreso dos Deputados de dúas iniciativas neste sentido, unha proposición non de lei e unha pregunta para a súa resposta por escrito. “Demandamos ao goberno que os centros superiores de artes escénicas se adhiran ás universidades públicas para que poidan emitir títulos de grao de artes escénicas”, explicou.

“Apoiamos ás reivindicacións da plataforma creada a nivel estatal para conseguir a adscrición e que os alumnos e alumnas poidan facer estudos nos estados da Unión Europea”, destacou Fernández Davila, quen criticou que esta situación aconteza nos centros públicos mentres nos privados si poden adherirse ás universidades privadas.

Desinterese do goberno galego

Serafín Otero, pola súa banda, denunciou a situación que viven o teatro, e o mundo da cultura en xeral, en Galiza. “Queremos denunciar o pouco interese que ten o goberno do PP pola cultura galega”, manifestou, ao tempo que criticou que nos últimos dous anos xa se perderon dez festivais de teatro, segundo datos da propia administración galega.

O candidato do BNG fixo referencia, ademais, a outro problema que sofre o mundo cultural galego: “Poténcianse as manifestacións artísticas foráneas en detrimentos dos e das artistas galegos”, manifestou. Para Otero esta é outra mostra do desinterese do goberno galego e a súa falta de aposta polo teatro e a cultura galegas.

Fronte a esta situación, Serafín Otero explicou que o BNG impulsa unha  declaración polo Día do Teatro na que insta aos concellos galegos a “apostar pola cultura galega”. Deste xeito, reclama aos concellos a que se comprometan a fomentar as industrias culturais galegas, especialmente nos apartados de edición, artes escénicas (teatro e danza), música, artes plásticas e investigación.

Tamén recomenda impulsar as artes escénicas galegas e readaptar os espazos municipais para a súa representación, realizar mostras e circuítos de teatro e danza e apoiar o teatro amador, así como colaborar cos centros de ensino, entre outros aspectos.

“Trátase de que desde os concellos se potencie a asistencias ás montaxes teatrais e impulsar o teatro amador e afeccionado”, resaltou Serafín Otero, quen lembrou que boa parte dos actores e actrices galegos actualmente coñecidos polos seus papeis en cine e televisión xurdiron precisamente do teatro afeccionado do século pasado.

 

O Bloque insta a adherir os centros superiores de artes escénicas ás universidades públicas