O BNG reclamará no pleno que a Xunta obrigue a Povisa a readmitir os 13 traballadores despedidos
Iolanda Veloso critica que o goberno galego utilizase o argumento do mantemento do emprego para renovar o concerto cun hospital privado
Vigo, 25 de marzo de 2015.- A portavoz municipal, Iolanda Veloso, explicou o contido da moción que o BNG defenderá no pleno da corporación que se celebrará o vindeiro luns. Na iniciativa o grupo nacionalista insta á Xunta que esixa a Povisa que cumpra o seu convenio co Sergas, así como a readmitir aos 13 traballadores e traballadoras despedidos aos que o 27 de febreiro lles comunicou a extinción do seu contrato.
Iolanda Veloso subliñou que cómpre facerlle cumprir a Povisa o que se establece ao final da estipulación II das Prestacións Sanitarias do concerto subscrito co Sergas, que estipula que deberá cumprir as disposicións e normas de aplicación establecidas polo Sergas para os seus centros propios, para garantir os dereitos laborais do persoal.
A voceira nacionalista denunciou que o persoal de Povisa non só é despedido, senón tamén reprimido e ameazado, chegando incluso a manter unha folga de fame para defender os seus postos de traballo. Folga de fame que non se mantén por cuestións de saúde, pero non porque se resolvese o conflito e a Xunta de Galiza desde Inspección tampouco está facendo nada, criticou.
Porén as políticas de persoal Povisa non están seguindo estas normas e instrucións establecidos para o persoal do Sergas, considerou a voceira nacionalista, quen afirmou ademais que o BNG quere que se lle apliquen as sancións correspondentes, que están establecidas no concerto que asinou o propio hospital Povisa co Sergas en setembro de 2014, de non mudar a súa política de persoal.
Inadmisible redución de orzamento
Para Iolanda Veloso, non se pode consentir que a Xunta de Galiza, que reduciu un 12% os orzamentos dedicados a sanidade, asine un convenio co hospital Povisa por oitos anos por un valor de máis 600 millóns de euros. Neste sentido criticou que precisamente a administración galega utilizase o argumento do mantemento do emprego como unha das principais xustificacións para renovar o concerto.
Nesta cidade fartámonos de oír ao Partido Popular dicindo que aqueles que defendiamos a sanidade pública e que cuestionabamos un convenio como este hospital privado era porque non nos preocupabamos dos despedimentos dos traballadores de Povisa, criticou a portavoz do Bloque. Pola contra, asínase o convenio, se lle continúan dando cartos ao hospital privado e os traballadores seguen a ser despedidos, denunciou.
Agravamento da situación de Vigo
Iolanda Veloso subliñou que o BNG defende a sanidade pública, de calidade, accesible para todo o mundo e con todas as prestacións, incluíndo tratamentos para salvar a vida, como por exemplo os tratamentos para enfermos de hepatite C, nos hospitais públicos. Nós non entendemos como nunha cidade como Vigo se estea mantendo un convenio por esta cantidade de cartos cun hospital privado, que ademais triplica as listas de espera dos hospitais públicos deste país, manifestou.
A voceira do Bloque sinalou que estes problemas laborais en Povisa súmanse aos recortes na área sanitaria de Vigo na que levamos anos denunciando as consecuencias dos recortes, sinalou mencionando o colapso das urxencias, os problemas na especialidade de reumatoloxía pediátrica, os peches de camas nos hospitais e a privatización do novo hospital.