O Bloque insta ao goberno local a municipalizar o servizo de abastecemento e saneamento de auga

O Bloque insta ao goberno local a municipalizar o servizo de abastecemento e saneamento de auga

Iolanda Veloso critica que do compromiso do alcalde de iniciar o estudo para implantar a tarifa de cobro por consumo “nada se sabe”

 

rolda moción augaVigo, 4 de febreiro de 2015.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, anunciou que o Bloque reclamará no vindeiro pleno que o goberno local inicie o proceso para a municipalización do servizo de abastecemento e saneamento de auga en Vigo. Asemade lembrou que a tarificación da auga para que o pago dos recibos se axuste ao consumo real é unha “demanda histórica” da cidade.

“A concesión foi prorrogada unilateralmente polo alcalde, pero os problemas seguen aí”, subliñou a voceira nacionalista, quen lembrou que se seguen sen solucionar os problemas de roturas, como os que continuamente se producen no barrio de Teis. “Estase castigando á cidadanía co custe derivado non dun servizo público senón do beneficio empresarial dunha concesionaria e non podemos ser reféns dos beneficios dunha empresa”, asegurou.

Iolanda Veloso recordou que o goberno local aprobou en pleno en diversas ocasións a realizar un estudo para poñer en marcha unha nova tarifa da auga segundo consumo, “moito máis xusta, racional e sostible”, apuntou. “Porén, o máximo compromiso que asumiu este goberno foi a conxelación das taxas, e chegamos a xaneiro de 2015 e non hai ningún estudo nin ningunha proposta para aplicar a nova tarifa”, criticou.

Segundo sinalou a portavoz do BNG, ás “últimas noticias” coñecidas sobre este asunto se refiren ao acordo orzamentario acadado entre PP e PSOE, co que aseguraron que solucionarían todos os problemas desta cidade. “Daquela díxose que se encargaba un estudo á Universidade de Vigo, pero dese estudo non se sabe nada nin hai nada concreto ao respecto”, denunciou.

Servizo deteriorado

“Fronte a un servizo cada vez máis deteriorado e que cada vez nos custa máis cartos, reclamamos ao goberno que inicie o proceso para a municipalización do servizo”, salientou Iolanda Veloso, quen defendeu que para o BNG “só un servizo público pode ofrecer un servizo eficiente e de calidade”. Ao respecto criticou que o goberno local non faga nada para solucionar os graves problemas das redes de saneamento e de abastecemento, que en ocasións provocan cortes de auga e mesmo inundacións.

Preguntada polos medios sobre se debería abordarse a remunicipalización de outros servizos, a voceira nacionalista afirmou que “o obxectivo dun goberno que se di progresista debería ser a potenciación dos servizos públicos”, algo no que o Bloque “cremos firmemente”.

Neste sentido explicou que na moción que o BNG defenderá no pleno do luns, o grupo nacionalista pide a remunicipalización da auga “porque leva moitos anos sendo unha reclamación e o goberno comprometeuse en distintas ocasións”, pero que efectivamente debería doutras concesións, “como xa fixemos co transporte público”.

 

O Bloque insta ao goberno local a municipalizar o servizo de abastecemento e saneamento de auga