O BNG denuncia o afán do goberno local no desmantelamento do sector cultural en Vigo
Serafín Otero propón o incremento dos orzamentos para este eido e a creación dun plan estratéxico e do Consello Municipal da Cultura
Xerome Calero criticou a eliminación de diversos programas como o Vigo a Escena e o Festiclown
Vigo, 5 de febreiro de 2015.- O candidato do BNG ás vindeiras eleccións municipais, Serafín Otero, e o xestor cultural, Xerome Calero, criticaron as actuacións do actual goberno local no desmantelamento e destrución do sector cultural de Vigo. O goberno municipal cada vez é máis anticultural e deixa a cultura reducida a mínima expresión, ao defender o interese de persoas e empresas privadas, denunciou o candidato nacionalista. Asemade animaron á cidadanía a participar na mobilización de Queremos Galego o vindeiro domingo a partir das 12 horas en Compostela.
Segundo Serafín Otero, o goberno municipal mostra unha total desatención a nosa cultura e a nosa lingua e deixa que a nosa cidade perda un dos sectores que crean riqueza e emprego. Apuntou que Vigo conta con artistas plásticos, escritores, poetas, cantantes, raperos... que non teñen traballo e aos que o Concello de Vigo non lles presta ningún apoio. E a cultura crea emprego; non podemos esquecelo, enfatizou.
Vemos como produtores galegos quedan fóra das actividades culturais que se organizan en Vigo, denunciou o candidato do Bloque, para quen neste eido o alcalde non se envolve coa bandeira de Vigo, quédalle pendente e xa non é tan vigués. Citou como exemplo ao artista elixido como pregoeiro no Entroido vigués, o que ao seu xuízo é unha mostra do desprezo á cultura que fan os artistas vigueses e galegos.
Serafín Otero subliñou que fan falta alternativas que recuperen o camiño perdido. Neste sentido salientou a necesidade de recuperar os orzamentos para cultura, e a creación dun plan estratéxico no que se entenda a cultura como un espazo central para desenvolver a cidade, como un factor necesario de desenvolvemento económico e que serva como instrumento para potenciar a cultura galega. Asemade, o candidato nacionalista defendeu a creación do Consello Municipal da Cultura, como órgano de participación cidadán no que estean representados todos os axentes culturais públicos e privados da cidade, con representación de todos os sectores, e no que estes poidan participar achegando as súas propostas.
Baixada nos orzamentos
Xerome Calero, pola súa banda, explicou que este desmantelamento dos programas culturais en Vigo non é debido á crise económica, senón froito da decisión do equipo de goberno. Asegurouno tendo en conta que os orzamentos municipais de Vigo dos últimos anos son dos máis altos da historia e ano tras ano o propio goberno presume de superávit. Cartos hai pero o actual goberno non elixe investir en cultura porque que ten outras preferencias, como son as humanizacións ou mercar entradas do Celta, apuntou.
O xestor cultural, que participa na elaboración do programa electoral do BNG, criticou o descenso do orzamentos destinados a promoción cultural e festas populares, así como para a programación de música, teatro e danza. Asemade, fixo referencia á situación do Auditorio Mar de Vigo, que pese a ser inaugurado en marzo de 2011 continúa sen proxecto nin equipamento. Explicou que o Auditorio-Pazo de Congresos foi adxudicado en concesión a "Pazo de Congresos S.A."(Sacyr, Novacaixa, e Grupo Puentes), e xestionado na súa programación por un arrendatario privado, Congrevigo, que despois
Xa en marzo de 2014 unha nova empresa privada Organización de Ideas de Éxito S. L.(OIDE) anuncia que despois de conversas con Testa, filial de Sacyr, asume a xestión do Auditorio. Segundo asegurou Calero, o que acontece con esta infraestrutura é a demostración do fracaso de privatizar a construción e a xestión dun ente público.
Auditorio municipal
No tocante ao auditorio municipal, inaugurado en xullo de 2010, denunciou que dun orzamento para programación de música, cine, teatro e danza de 110.000 euros no 2011, pasa a 57.000 no 2013 e 57.000 no 2014. Ademais destacou que pasou de ter unha programación estábel e practicamente diaria a dúas programacións de dous meses no 2013, e só catro espectáculos no segundo semestre de 2014 contratados a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, mentres que en Tui foron sete; en Redondela cinco; e en Gondomar tamén cinco.
Ademais Xerome Calero indicou que outros espectáculos son contratados a través da Red Platea, dependente do Ministerio, que melloraría a oferta se non eliminaran os programas que existían ou non recortaran outros, ademais de demostrar o desprezo absoluto polas iniciativas da cidade, e galegas, mentres apostan polas foráneas, sinalou. Por outro lado, denunciou a eliminación de diversos programas culturais, como o Vigo Escena, que desapareceu no 2012, e o Festiclown, desaparecido tamén no mesmo ano. Tamén se referiu ao prestixioso Are More, que no 2010 houbo que suspendelo por falta de recinto adecuado e agardando a que se abrise o Auditorio Mar de Vigo, pero segue sen haber noticias del, sinalou.
Equipamentos culturais
Xerome Calero tamén fixo un percorrido polos diferentes equipamentos culturais da cidade. A respecto do arquivo Pacheco comentou que se trata dun pantasma, posto que no Concello non hai quen saiba se está aberto, medio aberto, ou pechado. Sobre a rede museística, que contaba cun Plan de Musealización para desenvolver, estruturar e coordinar os museos da cidade, criticou que só queda o nome e unificación de logotipos. Referiuse asemade ao Centro Galego de Fotografía, que segue pechado e sen proxecto coñecido e aos recortes no Cine Club Lumière, cunha forte baixada orzamentaria e a falta de implicación do Concello no Marisquiño, do que existe un forte risco de que marche para outra cidade, alertou.
Finalmente, no tocante ás festas de Vigo, destacou que se pasou de plantear converter Vigo nun referente nacional e internacional turístico e cultural a que as festa de 2014 non foron nin sequera presentadas, dando por boas as festas de barrios e parroquias e sen facer unha semana grande, aínda que para o alcalde foron as mejores de España.