O Bloque insta a construír o túnel de Xulián Estévez para mellorar a mobilidade no litoral de Vigo
Serafín Otero salienta que este é un exemplo de que ao PP e ao PSOE non lle interesan realmente facer investimentos na cidade
Vigo, 11 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, subliñou a necesidade de executar infraestruturas que faciliten a mobilidade na cidade, como acontece no caso do túnel de Xulián Estévez. Que pasaran 7 anos do acordo da Xunta e o Concello e o túnel estea sen construír amosa que ao PP e ao PSOE non lle interesan realmente as melloras para Vigo, manifestou ao respecto.
Serafín Otero explicou que a este túnel está recollido no PXOM vixente e a súa construción foi acordado no 2008 entre a Xunta e o Concello de Vigo, co obxectivo de repartirse os custes da infraestrutura, de forma que o proxecto debería elaboralo o Concello e a execución debería correr a cargo da Xunta.
O concello retirou o proxecto dos orzamentos municipais baixo a escusa de que a Xunta non demostrara interese en construílo, mentres que a Xunta argumentou á inversa: que o Concello non tiña feito os deberes, sinalou en referencia a que o PP retirou o proxecto dos orzamentos galegos correspondentes ao 2013.
Para o candidato nacionalista resulta cando menos curioso que o concello retirara o proxecto despois de que Urbanismo recibise máis de 20 propostas para a construción do túnel. É tamén moi curioso que retirase o proxecto cando é evidente que melloraría notablemente o tráfico nunha zona tan conxestionada, manifestou.
Discurso vitimista
A non construción desta infraestrutura é un exemplo de que o cruce de acusacións entre o PP e o PSOE prexudica á cidade, criticou Otero, para quen é evidente que esas mutuas acusacións encobren os intereses comúns de non investir en Vigo.
Segundo denunciou o candidato do BNG a uns vailles moi ben co discurso vitimista e os outros aforran cartos para investilos onde queren e cren que lles resulta mais rendible economicamente.
Coherencia do Bloque
O candidato nacionalista lembrou asemade que en xaneiro de 2012 o Concello de Vigo aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG que instaba á Xunta de Galiza e o Concello á execución inmediata dos compromisos adquiridos no convenio asinado entre ambas administracións.
O incumprimento desta moción amosa que nin o Partido Popular nin o Partido Socialista consideran rendible facer investimentos para mellorar a mobilidade en Vigo, destaca Serafín Otero, para quen pola contra, o BNG seguirá insistindo coherentemente na necesidade de construír esta infraestrutura.
No Bloque consideramos que é fundamental o túnel de Xulián Estévez porque é unha ferramenta para mellorar o barrio de Teis, defendeu, xa que ao seu xuízo permitiría canalizar o tráfico desde o porto ata a saída de Vigo e desconxestionaría o tráfico en Sanjurjo Badía.