O BNG propón converter a entrada da AP9 en Vigo en vía urbana para desconxestionar o tráfico en Teis
Serafín Otero critica que Vigo sae prexudicada pola falta de acordos do Concello de Vigo con outras administracións e a falta de ganas do PP por investir na cidade
Vigo, 13 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, e a deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila, defenderon a conversión da AP9 entre a rúa Bos Aires e Vigo como tramo urbano como parte do programa electoral do Bloque. Segundo salientaron trátase dunha medida fundamental para mellorar os accesos á cidade e en concreto o barrio de Teis.
Segundo destacou Serafín Otero, esta actuación ten o obxectivo fundamental de desconxestionar o tráfico nas rúas Sanjurjo Badía e Travesía de Vigo, terriblemente colapsadas polo paso tanto de turismos como de camións. Considerou que o paso por Teis da AP9, as vías de ferrocarril e a nacional 522 causan un forte impacto no barrio.
Neste sentido mencionou a degradación nas súas zonas urbanas colindantes con estas infraestruturas, como por exemplo os impactos visuais e sonoros. Debemos buscar outras fórmulas para unha actuación urxente para rexenerar estes espazos mediante, manifestou Otero, poñendo como exemplo a revexetación nos terrapléns e trincheiras que xenera a autoestrada, para aminorar o seu impacto visual.
Na súa visita á zona, defendeu outras medidas, como a reutilización dos solos ao borde dos trazados para uso público, así como a creación de pantallas vexetais, para evitar o impacto acústico nas zonas habitadas, e a creación de novas entradas e saídas no barrio. Isto faría unha zona moito máis humanizada, destacou.
Demanda histórica
Serafín Otero lembrou que esta iniciativa é unha das demandas históricas do Bloque. Así, mencionou que nos últimos anos foi proposta en forma de emenda tanto para os orzamentos do Estado (para os de 2013) como para os orzamentos da Xunta (para os de 2014). Desde o Bloque Nacionalista Galego levamos anos reivindicando a transformación da autoestrada desde este saída até o final que sexa unha vía urbana, manifestou Olaia Fernández ao respecto.
O goberno municipal, igual que a respecto doutros proxectos da cidade, terá primeiro que reivindicalo e logo, por suposto, que poñerse de acordo coas distintas administracións, destacou Serafín Otero preguntado pola calada por resposta obtida polo BNG na reclamación desta medida. Ao respecto fixo referencia ás continuas visitas da ministra de Fomento a Galiza e asegurou que canto mellor sería que en lugar de facer tantas fotografías, mellorase Vigo e os seus accesos.
En resposta aos medios, o candidato nacionalista salientou que hai un forte problema da relación do Concello de Vigo con outras administracións, así como as poucas ganas do Partido Popular en acometer proxectos importantes para Galiza e sobre todo para a nosa a cidade.
Transferencia a Galiza
En vista da inoperancia total dos diferentes gobernos de PSOE e PP neste sentido, o candidato do BNG tamén salientou a necesidade de transferir a AP9 a Galiza para que fose xestionada aquí. Ao seu xuízo, esta decisión suporía unha mellora evidente vigueses e viguesas e os galegos e galegas, xa que se traballaría para evitar colapsos, rebaixar as peaxes e no caso concreto de Vigo, facer unha vía urbana de entrada que melloraría os accesos á cidade.