Serafín Otero defende no Círculo de Empresarios o emprego digno e a remunicipalización de servizos
O candidato nacionalista propón a posta en marcha dun plan de choque contra o desemprego xuvenil e que facilite o retorno da mocidade emigrada
Vigo, 9 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, participou no almorzocoloquio dedicado ás vindeiras eleccións municipais organizado polo Círculo de Empresarios CFV. Neste foro Otero explicou os eixos fundamentais das propostas do Bloque para os vindeiros anos, baixo o epígrafe Desenvolvemento socioeconómico de Vigo. Propostas de futuro e centrándose especificamente na creación de emprego e na remunicipalización de servizos públicos.
Para nós neste momento o emprego é unha cuestión importantísima, e este é o foro perfecto, porque son os empresarios os que o xeneran, pero son os cidadáns os que temos que traballar, explicou o candidato nacionalista, quen acudiu ao CFV coa portavoz municipal, Iolanda Veloso; a deputada no Parlamento galego, Carme Adán; e a deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila.
Serafín Otero insistiu especialmente na necesidade de paliar o desemprego xuvenil e por iso defendeu a posta en marcha dun plan de choque desde o Concello. O obxectivo non só consiste en dar traballo á nosa xente que remata os estudos na universidade, senón tamén poder recuperar aqueles mozos e mozas que tiveron que emigrar para que poidan retornar a Vigo e que poidan ter un traballo decente e en condicións na nosa cidade, destacou
O candidato do BNG resaltou a importancia de ter traballo decente e de calidade tanto nos servizos públicos, como en toda a cidade. Vigo debe ser unha cidade na que se poida traballar, pero tamén na que os vigueses e viguesas poidan vivir dignamente, afirmou.
Abastecemento e saneamento da auga
No tocante á remunicipalización de servizos públicos afirmou que para o BNG é unha cuestión que non podemos pasar por alto, xa que ao seu xuízo é irreversible que fagamos un estudo en serio para recuperar aqueles servizos públicos que neste momento están privatizados.
Neste sentido, Otero lembrou que no pleno correspondente a xaneiro o BNG presentou unha moción reclamando a remunicipalización do abastecemento e saneamento da auga, que non prosperou debido á abstención do Partido Socialista e o voto en contra do Partido Popular.
Entendemos que hai que seguir insistindo, subliñou Otero, especialmente nun momento no que unha parte importante dos municipios do estado español o están tratando para que sexa público, así como moitos municipios da Unión Europea. Entendemos que é unha cuestión que non ten retorno, asegurou.
Potenciais votantes
Son consciente de que non estou nun foro de potenciais votantes, pero en principio o BNG cando se presenta a unha eleccións, calqueras que sexan, se presentan para votar para todo o mundo, co cal entendemos que os empresarios tamén hai que falar, manifestou o candidato nacionalista en resposta á pregunta dun medio.
Así, Serafín Otero continuou explicando ás que como sindicalista moitas veces chegamos a acordos importantes tamén cos empresarios e que tamén hai que valorar e neste caso para min non vai ser unha cuestión diferente, xa que é unha papel que estou habituado a tratalo.