O Bloque respalda as demandas da veciñanza para rexenerar as praias de Alcabre

O Bloque respalda as demandas da veciñanza para rexenerar as praias de Alcabre

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, defendeu este mércores a necesidade de poñer en marcha un proxecto de rexeneración da zona costeira da parroquia de Alcabre, segundo salientou durante unha visita a zona con representantes da directiva da Asociación Veciñal. Segundo destacou a nacionalista en referencia a moción que o grupo socialista presentará no vindeiro pleno, “non ten sentido pedir que se arranxe Samil e deixar abandoada esta zona privilexiada de Vigo”.

Iolanda Veloso fíxose eco das demandas da veciñanza de Alcabre e instou ao goberno local a completar a rexeneración da zona costeira desta parroquia, despois de que se executara o derrubo dunha casa abandoada. Sinalou que tras esta actuación, na que aínda quedan unhas vallas a modo de vestixio, “parte do parque quedou estragado pola escavadora que empregaron e eliminaron o camiño que unía as dúas praias”.

Segundo denunciou a portavoz nacionalista, neste espazo de Alcabre prodúcese un corte na posibilidade de paseo marítimo “porque entre Bouzas e Samil non hai continuidade”, polo que demandou a reconstrución do paseo entre as praias de Santa Baia e Carril.

“Queremos chamar a atención do goberno local para que non só vaia visitar as humanizacións do centro, senón que tamén visite as zonas que precisan melloras”, afirmou a Iolanda Veloso, para quen este espazo está abandoado “porque non hai un proxecto global para toda a zona costeira da cidade”.

Para a portavoz do grupo municipal do BNG, cómpre “insistir na necesidade de atender as necesidades dos barrios e parroquias de Vigo escoitando de primeira man aos seus veciños e veciñas”.

 

O Bloque respalda as demandas da veciñanza para rexenerar as praias de Alcabre