Miranda: "O obxectivo do BNG é que o informe da Eurocámara impulse o saneamento integral das rías"

Miranda: "O obxectivo do BNG é que o informe da Eurocámara impulse o saneamento integral das rías"

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo fixo a primeira valoración da visita da delegación de investigación a Galiza de cara a elaboración do informe final que emitirá a Eurocámara en maio.

Na súa intervención, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda salientou que o BNG espera que ese informe final do Parlamento Europeo "serva de acicate a toda as autoridades implicadas e contribúa a completar o saneamento integral das Rías galegas e, deste xeito, cumprir a normativa comunitaria en materia de augas, preservar un patrimonio medioambiental único e, non menos importante, recuperar aquelas zonas improdutivas por mor da contaminación para o marisqueo e recuperar con elas miles de empregos".

Miranda cualificou de "moi positiva" a visita da delegación de investigación a Galiza "que nos permitiu escoitar directamente aos peticionarios que, como cidadáns, solicitaron ser atendidos polo Parlamento Europeo, explicar os argumentos que os levaron a facer as denuncias ante a Eurocámara e coñecer a situación in situ", salientou.

O BNG considera que hai que "sumar esforzos en positivo" para completar o saneamenteo integral do litoral galego e, nese sentido, a delegación de investigación ten que ser vista "como unha oportunidade, un revulsivo que contribúa a algo tan básico como dotar aos núcleos de poboación que rodean as Rías dun tratamento de augas residuais propio do século XXI e completando o saneamento integral das Rías galegas."

Fondos europeos

A eurodeputada nacionalista fixo fincapé na "importante" suma de fondos europeos recibidos por Galiza desde o seu ingreso na UE, arredor de 25.000 millóns de euros, "que tiñan que ter servido para o saneamento integral das Rías, que acumula un retraso de 13 anos en termos de incumprimento de normativa comunitaria de augas".

"Era sorprendente ver a contaminación de lodos da Ría do Burgo precisamente desde un paseo marítimo, como denunciaban os propios peticionarios, o que chama a atención sobre cales foron as prioridades á hora de investir eses fondos", salienta Miranda.

Tras este primeiro intercambio de opinións sobre a visita da delegación de investigación a Galiza, a Comisión de Peticións inicia os seus traballos para a redacción do informe final, unha vez recibida información adicional das autoridades e de volver a escotiar aos peticionarios das denunicas presentada polo estado das augas das Rías de Vigo, Ferrol e O Burgo.

 

Miranda: "O obxectivo do BNG é que o informe da Eurocámara impulse o saneamento integral das rías"