O BNG acusa ao alcalde de usar as bolsas de inglés para "distraer" diante da ineficacia do goberno

O BNG acusa ao alcalde de usar as bolsas de inglés para "distraer" diante da ineficacia do goberno

Tras manifestar a sorpresa do BNG polas declaracións do alcalde sobre as bolsas de inglés, a portavoz municipal nacionalista. Iolanda Veloso, acusou este mércores ao alcalde de empregar este tema para “desviar a atención” da ineficacia do goberno municipal diante dos problemas que existen en Vigo. “Preguntámonos se este realmente é o maior problema da cidade”, manifestou a nacionalista.

“Nós presentamos as emendas e el era libre de aceptalas ou non, e as aceptou. Se as bolsas de inglés eran tan importantes para el, por que as eliminou?”, preguntou Iolanda Veloso, quen sinalou que ese programa non é máis que un “capricho” do alcalde que só lle serve para “distraer” dos problemas realmente graves que ten esta cidade. “Que se deixe de distraer e que xestione os orzamentos”, reclamou.

Iolanda Veloso tamén fixo referencia ás declaracións do alcalde nas que afirmou que ten “moitas ideas” para recuperar este programa. “E cantas ideas ten para modificar a tarifa da auga, porque polo de agora non presentou ningunha. E cantas ideas ten para xestionar o Plan de Compensación contra a crise, que conta con 3,2 millóns para atender ás persoas que están pasando fame na nosa cidade?”, preguntouse.

Emperador romano

A voceira do BNG cualificou de “absurdo” e “surrealista” que o alcalde se dedique a pensar nun programa nos que hai cero euros nos orzamentos de 2013, como son as bolsas de inglés, mentres non se ocupa de xestionar as diversas partidas destinadas á creación de emprego e potenciar os servizos sociais. “A nós nos sitúa no século XIX, pero el máis parece un emperador romano”, ironizou.

“Pedimos ideas para emprego, plan de compensación contra a crise e cultura, que si están nos orzamentos”, destacou Iolanda Veloso, ao tempo que asegurou que o BNG pide ao alcalde “que asuma as súas decisións, entre elas a de decidir retirar estas bolsas dos orzamentos municipais”.

Tarifa da auga

Preguntada polo informe do interventor municipal sobre as obras de Aqualia, a portavoz municipal do BNG asegurou que “está clarísimo”. Porén, sinalou que non é ningunha novidade, xa que tamén estaba incluido no informe sobre a ampliación da concesión a esta empresa. “O alcalde di que non está para interpretar o informe do interventor; está para lelo e facerlle caso”, manifestou.

“Ao mellor ao alcalde hai que facilitarlle un curso de galego ou ao interventor un de inglés para que o alcalde entenda o seu informe”, ironizou Iolanda Veloso, quen lembrou que o BNG puxo como condición para aprobar os orzamentos que se conxelara a tarifa da auga. “Conxelouse e o BNG non vai permitir que se suba a tarifa, por iso no pleno do luns aprobamos unha moción máis neste sentido”, subliñou.

Iolanda Veloso salientou que ”de igual forma que non lle puxemos unha pistola para aceptar a emenda das bolsas, tampouco lla poñeremos para que faga unha nova tarifa da auga. É a súa obriga e se non o fai terá que responder polo seu incumprimento”.

 

O BNG acusa ao alcalde de usar as bolsas de inglés para "distraer" diante da ineficacia do goberno