O pleno aproba a proposta do Bloque para retirar a Medalla da Cidade a Fernández Gayoso
Cos votos a favor de BNG e PP e a abstención do PsdeG, o pleno vigués aprobou a proposta nacionalista de iniciar o expediente de retirada da Medalla da cidade a Fernández Gayoso. Segundo defendeu a portavoz municipal nacionalista tendo en conta a súa xestión ao fronte de Caixanova e posteriomente de Novacaixagalicia manter esta distinción non ten sentido, senón que o BNG reclama a súa retirada por dignidade.
Iolanda Veloso desglosou as razóns que levan ao BNG a pedir a retirada da distintión, concedida en 1997 cos votos a favor de PP e PSOE. Entre elas destacou a comercialización das preferentes e as subordinadas e a súa conduta á fronte da entidade bancaria, co cobro dun plan de pensións cando a entidade que dirixía xa recibira inxentes axudas públicas, e a súa imputación por administración desleal e apropiación indebida por parte da Fiscalía anticorrupción.
Non podemos ser condescendentes cos delincuentes de colo branco e intolerantes cos máis febles, subliñou a portavoz municipal do BNG, quen asegurou que é insoportable que se indulte a banqueiros e se impulse a amnistía fiscal mentres continúan os desafiuzamentos e hai xente que se suicida. Xa non aturamos máis que se gasten os cartos da educación dos nosos fillos e fillas en darllos aos bancos que logo pechan o colexio no centro, engadiu.
Tras a intervención do portavoz socialista, López Font, quen anunciou a presentación dunha emenda para esixir responsabilidades a todos os responsables da emisión das preferentes, Iolanda Veloso destacou que a do BNG é unha moción clara, concreta e concisa. Ao seu xuízo, falar de outros asuntos é desviar a atención, non querer entrar no debate e que os principais responsables saian de rositas.
Segundo explicou a portavoz nacionalista, nesta moción o BNG pide unha decisión política, non unha sentenza xudicial. En resposta ao documento presentado polo grupo socialista, Iolanda Veloso considerou que decisión sumarísima é botar a unha familia á rúa, non pedir a retirada da Medalla da Cidade a Gayoso.
Por dignidade pedimos que se retire a Medalla a Gayoso, reiterou a portavoz do BNG, para quen unha cuestión fundamental de honorabilidade é respectar á cidadanía, sen esquecer que o PSOE indultou a un banqueiro e agora o Tribunal Supremo dixo que non era válido.
Segundo o acordo adoptado pola corporación, ábrese o expediente de retirada da distinción a Fernández Gayoso, que será levada ao vindeiro pleno extraordinario de elección de Medalla da Cidade e Vigueses Distinguidos para o presente ano para a súa aprobación.