O BNG anima á cidadanía a saír á rúa para reclamar medidas que permitan a xente vivir con dignidade

O BNG anima á cidadanía a saír á rúa para reclamar medidas que permitan a xente vivir con dignidade

O grupo municipal nacionalista reuniuse cos secretarios comarcais de CIG e UGT e a secretaria comarcal de CC.OO. para trasladarlles o apoio á mobilización convocada pola Alianza Social Galega

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vigo, 26 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, expresou o respaldo do Bloque á mobilización convocada para mañá pola Alianza Social Galega a partir das 19.30 horas desde Vía Norte. Tras a xuntanza mantida polo grupo municipal cos secretarios comarcais de CIG e UGT e a secretaria comarcal de CC.OO., a voceira nacionalista fixo un chamamento para que a cidadanía “saia á rúa para pedir medidas que fagan que a xente poida vivir con dignidade”.

Iolanda Veloso salientou a necesidade de reclamar que o goberno do Estado e da Xunta muden as súas políticas de recortes, que só provocan o aumento das persoas sen recursos e o empobrecemento das condicións de vida, “fronte aos datos aportados por Rajoy, que pouco teñen que ver coa realidade”, apuntou.

“Cómpre saír á rúa para reclamar medidas que permitan saír da crise e mudar as políticas de emprego”, destacou a portavoz municipal do Bloque. Criticou asemade que a reforma laboral “supuxo unha perda absoluta de dereitos laborais”, que deixa a España na cola de Europa neste eido, e a aprobación de “plans pantasma”, como o plan de emprego xuvenil.

Dar resposta ao recorte de liberdades

Desde CC.OO. a secretaria comarcal salientou que a convocatoria de mañá tamén ten como obxectivo “dar resposta ao recorte de liberdades”, como acontece coa reforma da lei do aborto. Desde UGT, pola súa banda, o secretario comarcal destacou que na mobilización de mañá, ademais de contar coas tres centrais sindicais, tamén participan diversos colectivos sociais e plataformas, que manteñen protestas continuadas contra a situación actual. Nesta liña expresouse tamén o secretario comarcal da CIG, quen fixo fincapé en que na Alianza Social Galega participan as plataformas da sanidade, o ensino ou os afectados e afectadas polas preferentes.

Engadiu ademais que na manifestación de mañá “terán un sitio preferente” os dous traballadores pendentes de que o Parlamento galego aprobe a petición de indulto parcial que lles evite entrar á cadea.

 

O BNG anima á cidadanía a saír á rúa para reclamar medidas que permitan a xente vivir con dignidade