O BNG cualifica de “burla á cidadanía” que o alcalde non dea información sobre a 'operación Patos'

O BNG cualifica de “burla á cidadanía” que o alcalde non dea información sobre a 'operación Patos'

Iolanda Veloso reclamou información tanto na xunta de voceiros como no pleno de hoxe sobre os rexistros realizados no Concello vigués

pleno 24 feb

Vigo, 24 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, considerou que é unha “burla á cidadanía” que o alcalde non facilitara a información demandada polo BNG sobre a “operación Patos” e en concreto sobre os rexistros realizados a pasada semana en dependencias do Concello de Vigo. Para o grupo nacionalista é “lamentable” que o alcalde rexeite non dea explicacións sobre esta operación xudicial, posto que a cidadanía “necesita saber que acontece a respecto da administración máis próxima”.

Segundo detallou Iolanda Veloso na súa intervención no pleno, no documento presentado por rexistro o Bloque reclama información polos expedientes ou actuacións que foron requiridos por parte da policía. En segundo lugar, o grupo nacionalista pregunta se o alcalde ten algunha información sobre este asunto que poida ser de interese para os membros da corporación.

“É unha burla que o alcalde non dera resposta á información demandada e que á primeira cuestión o concelleiro López Font nos remitise á Xustiza e á segunda dixera simplemente 'non'. Isto é o que alcalde entende por transparencia?”, comentou a portavoz municipal do Bloque.

Iolanda Veloso lembrou que o BNG xa reclamou información sobre esta operación o pasado xoves, na xunta de voceiros de preparación do pleno celebrado hoxe. “Consideramos necesario que alcalde ofreza máis información da que podemos ver nos medios de comunicación”, destacou ao tempo que reiterou as críticas ao alcalde polo seu “silencio absurdo”.

 

O BNG cualifica de “burla á cidadanía” que o alcalde non dea información sobre a 'operación Patos'