Veloso expresa a preocupación do BNG polas propostas do “novo bipartito” na negociación do orzamento

Veloso expresa a preocupación do BNG polas propostas do “novo bipartito” na negociación do orzamento

A portavoz nacionalista critica ao PSOE pola súa incoherencia na postura sobre os organismos autónomos e ao PP por ser correa de transmisión das políticas da Xunta e o goberno central

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vigo, 27 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, manifestou a preocupación do Bloque polas propostas que está poñendo enriba da mesa o “novo bipartito” integrado por PP e PSOE na negociación dos orzamentos para este 2014. Criticou que o goberno local asuma as pretensións dos populares de “tentar cargar ao Concello os incumprimentos coa cidade de Deputación e Xunta”.

Iolanda Veloso referiuse deste xeito á eliminación de organismos autónomos, o novo hospital, o transporte metropolitano, a cidade da xustiza e o canon da auga. “Non sabemos se existe un estudo económico para valorar o suposto aforro da desaparición dos organismos autónomos e a súa repercusión real”, manifestou a respecto da supresión destes organismo.

“Está falado co persoal? Están garantidos os postos de traballo? Ou é o primeiro paso para a privatización destes servizos?”, comentou a voceira nacionalista. Neste sentido alertou de que precisamente sexa un paso na súa privatización, tendo en conta que non é a primeira vez que se fala desta posibilidade.

Para o BNG, coa supresión dos organismos autónomos “podería preverse un aumento nos problemas da xestión”, por exemplo no cobro das taxas. Segundo denunciou, esta medida “non beneficiaría a ninguén, senón que aumentaría o gastos aos usuarios e empeoraría a calidade do servizo”.

Supresión de dietas

Neste tema, Iolanda Veloso criticou a incoherencia do PSOE ao respecto, tendo en conta que o grupo socialista se posicionou en contra da eliminación dos organismos autónomos da Deputación de Pontevedra. “Non entendemos como agora están dispostos a eliminar os organismos no Concello de Vigo”.

Neste sentido a portavoz municipal do Bloque destacou que na Deputación si se produce aforro coa eliminación dos seus organismos, ao suprimir as dietas que cobraban as persoas asistentes aos respectivos padroados, mentres que no Concello de Vigo non se pagan dietas pola asistencia.

“O deputado Santos Héctor dixo na Deputación que coa supresión non se produce aforro, mentres que no Concello de Vigo parece que isto non importa”, comentou Iolanda Veloso a respecto da posición do grupo socialista. Tamén fixo referencia ao caso concreto do Museo Provincial, que o PSOE levou ao Parlamento galego, e sobre o cal Antón Louro chegou a dicir 'que iso non o fixo nin Stalin nin Franco co Hermitage ou o Prado'. “En Vigo parece que non o teñen tan claro e están dispostos a negociar a supresión”, sinalou.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Novo hospital

A voceira do BNG indicou ademais que na negociación dos orzamentos “o novo bipartito” está poñendo enriba da mesas cuestións de ámbito autonómico, de xeito que o PP “tenta cargar ao Concello os compromisos de Xunta e Deputación coa cidade, defendendo que “os vigueses e viguesas o paguemos do noso propio peto”.

No tocante ao novo hospital, que para o BNG é un centro necesario para a área sanitaria, Iolanda Veloso criticou que “o PP pretende que os vigueses nos fagamos cargo dos gastos que supón a súa construción”. Segundo apuntou esta historia “vén de lonxe” e lembrou que o Concello de Vigo aprobou en 2012, co apoio do PSOE, unha moción presentada polo BNG reclamando o carácter público e estratéxico desta nova infraestrutura, así como o seu carácter de referencia para a área sanitaria.

“Todo isto non se cumpriu nin coñecemos o proxecto construtivo, e ao Partido Popular só lle preocupe que o Concello de Vigo pague os servizos”, criticou Iolanda Veloso, ao tempo que recordou que o propio Concello ten un informe xurídico que avala que non pague eses servizos. “Porén, agora está enriba da mesa que os vigueses e viguesas asumamos un custo que non nos corresponde”, denunciou.

Sobre a posta en marcha da cidade da xustiza, a voceira nacionalista criticou que se fale de vender pisos de titularidade municipal para pagar os terreos “mentres temos na nosa cidade os casos de persoas desafiuzadas e sen ter unha política de vivenda”. Por outro lado, e no tocante ao transporte metropolitano, a voceira do BNG destacou que o alcalde “ten que reclamar a súa posta en marcha e non bloquealo”, pero lembrou que a competencia é da Xunta “que non fixo nada até agora”.

“Se falamos da subida da auga podemos lembrar o canon imposto desde a Xunta”, manifestou Iolanda Veloso, quen asegurou que o PP “é a correa de transmisión de Deputación, Xunta e goberno de Estado e as súas políticas e agora vemos como seguen actuando así coas negociacións dos orzamentos co PSOE”.

Incumprimento dos acordos plenarios

Preguntada polas declaracións feitas polo alcalde culpando ao BNG de non querer negociar os orzamentos, a voceira municipal rexeitou esta acusación e destacou que pola contra é o alcalde quen non quere negociar, tal e como demostran os seus continuos incumprimentos dos acordos plenarios, así como as modificacións orzamentarias aprobadas co PP.

“Con esta situación é moi difícil negociar, xa que o alcalde non tivo en ningún momento intención de corrixir a súa postura, mentres si coincide oca política do Partido Popular”, subliñou.

 

Veloso expresa a preocupación do BNG polas propostas do “novo bipartito” na negociación do orzamento