O BNG critica a inauguración electoralista dunha estación incompleta que non é intermodal
Serafín Otero alertou de que a construción integrada da estación de autobuses sexa unha mera declaración de intencións
Vigo, 31 de marzo de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía, Serafín Otero, e a deputada no Congreso, Olaia Fernández, criticaron o electoralismo desmedido do Partido Popular na inauguración da nova estación de Vigo, considerándoa como unha estación incompleta que non responde ás necesidades de Vigo respecto á intermodalidade.
Serafín Otero destacou que se trata dunha estación inacabada porque non existe o nó central intermodal que o BNG leva meses demandando, non só referida á estación de autobuses, tanto respecto aos buses urbanos como aos que veñan das localidades limítrofes, ademais de conexión co aeroporto e co porto. Nin tan sequera sabemos cal vai ser a conexión de entrada e saída dos autobuses, apuntou.
Neste sentido referiuse ao anuncio feito onte polo goberno da licitación da redacción do proxecto da estación de autobuses, estimada en 390.000 euros. A día de hoxe todos somos conscientes de que iso vai quedar nunha mera declaración de intencións sen que se poida levar adiante, alertou.
Considerou que é unha estación incompleta porque pese a que cortaron onte a cinta, aínda non se sabe cando se vai poñer en marcha. Neste sentido criticou que calquera cidadán ou cidadá de Vigo que queira acceder os servizos de Renfe para comprar un billete darase conta de que neste momento nin sequera están postas á venda.
Falta de información
Até despois de semana santa non saberemos cal é data real da súa posta en funcionamento, denunciou o candidato nacionalista, quen sinalou que aínda non son públicos os horarios nin as tarifas da liña de alta velocidade inaugurada onte entre Coruña e Vigo.
Serafín Otero criticou asemade o complexo faraónico do proxecto, anunciado a 'bombo e platillo' tanto polo PSOE como polo PP, pero que non se vai levar a cabo. Nesta liña denunciou a inauguración con 16 anos de retraso dunha obra inacabada e a falta de servizos integrados dentro da propia estación.
Ao respecto criticou a falta de acordo no tocante ao edificio proxectado e a falta de financiamento para que se puidera levar a cabo. Apuntou que este financiamento tiña que vir a través de investimento privado e que a inauguración dunha obra inacabada por de manifesto a falta de interese por parte da administración para chegar acordos.
Fachada da antiga estación
Pola súa banda a deputada Olaia Fernández Davila fixo referencia a fachada da antiga estación, catalogada como Ben de Interese Cultural. O compromiso era que unha vez rematadas as obras da nova estación se instalaría neste mesmo entorno, lembrou a nacionalista, quen anunciou que o BNG reclamará ao Ministerio de Fomento que a teña en conta e a recoloque onde no seu momento estivo.