O BNG defende a creación en Galiza dun programa de emerxencia social dotado con 25 millóns

O BNG defende a creación en Galiza dun programa de emerxencia social dotado con 25 millóns

Xavier Vence e Serafín Otero salientaron que é imprescindible unha política social diferente que palie as consecuencias dos recortes do PP

O candidato nacionalista propón modificar as normas do albergue, recuperar Sereos e duplicar a plantilla de Benestar Social

 

 

declaracións Vence e OteroVigo, 6 de abril de 2015.- O portavoz nacional, Xavier Vence, e o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, defenderon a posta en marcha dunhas políticas laborais, de inserción social e de protección ás persoas excluídas radicalmente diferentes ás que leva a cabo o PP. “As cidades deben ter programas ambiciosos de ataque á exclusión social”, subliñaron, ao tempo que fixeron fincapé nas consecuencias do paro de longa duración na cidade.

“Diante da situación de atonía na creación de emprego, da elevada taxa de paro, de problemas graves de pobreza social, que alcanza o 24% da poboación, cremos que é necesario un esforzo redobrado da administración autonómica cun programa de emerxencia social”, salientou Vence, quen sinalou que debe estar dotado con 25 millóns de euros.

O portavoz nacional lembrou que para o ano 2015 o BNG defendeu a inclusión dun programa de emerxencia social de 25 millóns de euros que o PP rexeitou. “Está claro que é unha necesidade urxente aumentar os medios e os recursos económicos da Xunta de Galiza para fomentar programas de protección aos excluídos e para reducir as consecuencias dramáticas da pobreza, especialmente graves nas zonas urbanas”, sinalou.

Papel dos concellos

Neste sentido Vence explicou que este programa de emerxencia social debe estar negociado cos concellos cos axentes sociais e cos sindicatos, pero insistiu que a administración local ten que estar “directamente involucrada, porque é a que máis directamente coñece as necesidades das persoas”. “É a que mellor pode implementar por tanto as axudas e os programas de protección social”, enfatizou.

“Os concellos teñen que ser unha peza básica na protección das persoas, que aposten non tanto polo cemento e as infraestruturas, senón polas persoas e protección dos máis vulnerables, como maiores e infancia”, salientou o portavoz nacional, quen asegurou que “os concellos nos que goberna o BNG demostran que se poden facer cousas e a partir de maio queremos facelo en máis sitios”. Ao respecto salientou que o programa electoral do Bloque contempla unha batería de medidas de política social, de protección social e de atención ás persoas necesitadas, así como apoio ás persoas enfermas sen recursos que teñen que facer fronte aos seus tratamentos farmacéuticos.

declaracións Vence Otero 2

Goberno vigués alleo á exclusión social

Segundo destacou Serafín Otero, no caso de Vigo, a situación de paro e en concreto o desemprego de longa duración provoca un grave aumento da pobreza e da exclusión social desde o inicio da crise. “Isto nos leva ao BNG a promover medidas de atención social nun concello no que o goberno municipal é totalmente alleo a esta situación”, denunciou.

A respecto do centro de inclusión, o candidato nacionalista fixo referencia á situación pola que atravesa, en tanto que non se produce a ocupación completa das súas 40 camas. Neste sentido criticou as normas do centro, que establecen que as persoas usuarias só poden estar un máximo de 10 días.

“Entendemos que hai que mellorar esta situación para que isto non se repita, xa que cada vez en Vigo hai máis xente que está sen teito”, apuntou Otero, quen fixo referencia a datos de Amnistía Internacional segundo os que 700 persoas pasaron por este centro nos últimos anos e que nos últimos anos morreron 37 persoas que non tiña fogar.

O candidato salientou que o BNG defende a posta en marcha do programa Sereos e o bus gratuíto para persoas desempregadas de longa duración, así como reforzar o departamento de benestar social, co obxectivo de solventar o seu colapso continuo, duplicando a súa plantilla. Neste sentido criticou a intención do Concello, de aumentar en dúas persoas neste departamento, posto que ao seu xuízo é insuficiente para dar resposta ás necesidades da cidade.

Salientou que segundo o ranking de investimento en asistencia social Vigo, de todos os concellos do estado, está no posto 2.945. “Isto demostra que non está tan ben como di o noso alcalde”, comentou ironicamente ao respecto, ao tempo que sinalou que dos concellos galegos, está no quinto posto, “moi por debaixo de Ferrol, Coruña, Vilagarcía e Lugo, cidades que tamén están nunha situación complicada por culpa da situación de paro e desemprego”.

 

O BNG defende a creación en Galiza dun programa de emerxencia social dotado con 25 millóns