O BNG propón crear un observatorio local de condicións laborais para fomentar o traballo digno
Serafín Otero defende a ampliación do plan de emprego especialmente a mulleres de máis de 45 anos e a mocidade
Vigo, 7 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, mantivo unha xuntanza con representantes sindicais de distintos sectores produtivos de Vigo co obxectivo de explicarlles as liñas xerais do noso plantexamento de cuestións importantes para elaborar o noso programa eleitoral, e sobre todo afondar as cuestións de emprego.
No encontro Serafín Otero explicou que o emprego non é unha competencia municipal, pero destacou que desde o concello se poden facer moitas cousas para crear emprego e que as relacións laborais cando menos dos traballadores e traballadoras de Vigo sexan o máis dignas posible.
Neste sentido salientou a necesidade de crear dun observatorio local das relacións laborais, integrado por centrais sindicais, empresarios e o propio concello. O seu cometido sería a elaboración de programas de emprego, como o que o BNG xa ten iniciado nos últimos anos e se está levando a cabo no Concello de Vigo, apuntou.
Ao respecto defendeu a ampliación do plan de emprego, destinándoo especialmente a colectivos máis desfavorecidos, como o de mulleres de máis de 45 anos que é moi difícil que atopen traballo unha vez que o perden, e a mocidade, colectivo que necesita a posta en marcha de iniciativas de forma urxente.
É unha desgracia que a xente nova, unha vez que remata de estudar na Universidade para quedar en Vigo as únicas alternativas que ten son seguir estudando outra carreira ou se quere traballar ten que coller as maletas e emigrar, denunciou.
Control do emprego
O candidato nacionalista resaltou a necesidade de regular as condicións laborais. Así referiuse ao emprego público, tanto o ten dependencia directa como indirecta do concello. Entendemos que o que é directamente por parte do concello temos que controlalo dunha forma total, pero aquel que non é do concello pero que recibe cartos públicos tamén debe estar controlado polo observatorio, explicou.
Segundo destacou, esta medida pretende evitar conflitos, que se cree emprego continuadamente e emprego de calidade e quitar as contratacións irregulares e que así se suprimiría esa situación que a día de hoxe non está moi clara no Concello de Vigo.
Serafín Otero comentou que estas son as medidas explicadas aos traballadores e traballadoras de diferentes sectores da cidade no encontro de hoxe, e avanzou que mañá asemade as trasladará á executiva comarcal de CCOO e o xoves aos empresarios do Club Financiero. O obxectivo é explicarlles o noso programa, pero tamén atender as medidas que non poidan achegar e que beneficien ao conxunto de Vigo, sinalou.
Conflito en Citroen
O problema non é só en Citroen, senón no conxunto da automoción, asegurou Otero preguntado polas mobilizacións de traballadores desta factoría propiciadas pola sobrecarga de traballo. Ao respecto criticou que cada vez temos menos traballadores e cada vez se lle esixe máis, o cal ao seu xuízo provoca consecuencias serias na súa saúde.
Entendemos que o emprego ten que ser digno e de calidade, pero aparte entendemos que se o que queremos é producir e producir o mellor posible, cantos máis traballadores teñan as empresas, mellor, destacou. Pola contra defendeu o aumento das plantillas criticou que as empresas reduzan persoal para aumentar os beneficios.