O BNG demanda ao goberno galego que retire a reestruturación do mapa sanitario
Carme Adán, Montse Prado e Iolanda Veloso alertan dos pasos continuados que da o PP na privatización da sanidade
Vigo, 17 de xaneiro de 2014.- As deputadas nacionalistas, Carme Adán e Montserrat Prado, e a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, reclamaron ao goberno galego que non aplique a súa decisión de redistribuír as áreas sanitarias, xa que ao seu xuízo agocha os problemas reais da área de Vigo. Deste xeito, as responsables nacionalistas subliñaron que o Bloque xa rexitrou diversas preguntas no Parlamento galego para que o goberno galego explique os criterios que seguiu na súa distribución das referencias únicas, que implica que o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) só queda con catro, mentres a área de A Coruña conserva once e a de Santiago dez.
Estamos diante dunha barbaridade, destacou Monste Prado a respecto da reestruturación que quere levar a cabo o goberno galego. A deputada nacionalista denunciou que esta reordenación non responde ás necesidades da cidadanía, senón que se agocha en supostos criterios técnicos para dar resposta a intereses privados e de paso agochar a situación da área sanitaria de Vigo.
Redución de cartos e tecnoloxía
Monste Prado alertou tamén de que o traslado de pacientes agocha a redución de tecnoloxía e orzamentos. Non se pode dicir que se trasladan pacientes sen que repercuta nos orzamentos, denunciou. Pola contra, criticou que de aplicar a redución de pacientes na área sanitaria de Vigo acontecerá a redución de cartos e de tecnoloxía.
Por outro lado, a deputada nacionalista criticou que se faga pública esta decisión só 15 días antes da súa posta en marcha, sen contar coa maioría dos profesionais do sector e sen abrir un proceso de información. Estamos falando de máis distancia e máis desembolso, pero ao PP non lle importa en absoluto, lamentou.
Que vai pasar coas urxencias destas especialidades; os pacientes van ser atendidos en Vigo ou en Santiago?, cuestionou Monste Prado. Todo indica que vai haber menos capacidade de resposta, advertiu.
Para Carme Adán, afondando nesta cuestión, o problema radica en que se se trasladan pacientes e tecnoloxía como pretende a Consellería de Sanidade, a área sanitaria de Vigo quedará tremendamente minguada.
É insoportable escoitar ao presidente da Xunta dicir que a xente escolla onde quere ser atendida. Non se trata de escoller, senón de dereitos, subliñou Iolanda Veloso ao respecto, quen denunciou que a reestruturación da área sanitaria, que dificulta o acceso de Vigo ao servizos sanitarios, é un novo exemplo de recortes na áreasanitaria viguesa.
Novo hospital
Deste xeito, tanto as deputadas como a portavoz municipal criticaron que o PP da continuos pasos para acadar a privatización do sistema sanitario galego, e citaron como exemplos o novo hospital de Vigo e a xestión das listas de agarda, que segundo apuntou Iolanda Veloso é a máis alta de todo o país.
Carme Adán asegurou que en Vigo, con este tema, chove sobre mollado, posto que xa no 2009 o PP discriminou á cidade coa privatización da construción do novo centro hospitalario e a súa redución, ao dotalo con menos tecnoloxía e menos camas. En resposta aos medios, explicou que pese a telo preguntado en diversas ocasións a Consellería de Sanidade non responde sobre cantas camas hai pechadas na área sanitaria de Vigo, igual que tampouco sabemos aínda cantas camas terá o novo hospital.
Neste sentido, Monste Prado apuntou que o obxectivo do goberno galego consiste en que este novo complexo sexa máis manexable para a empresa adxudicataria, de xeito que teña que facer menos investimentos en tecnoloxía.
Listas de agarda
No tocante ás listas de agarda, a deputada nacionalista destacou que contar con 300 profesionais menos en tres anos e a redución en varios millóns o orzamento en sanidade fai imposible recortar as listas de agarda pero si permite ter unha coartada para derivar á sanidade privada.