O Bloque impulsa unha campaña na que demanda ao goberno que non suba o recibo da luz
O BNG reclama asemade medidas contra os cortes do subministro nos fogares con menos recursos e unha tarifa eléctrica galega
Vigo, 20 de xaneiro de 2014.- A deputada do BNG, Carme Adán, e o responsable comarcal, Manuel Caride, presentaron a campaña que a formación nacionalista desenvolverá nas localidades da comarca en contra da suba do recibo da luz e para que o goberno garanta o subministro eléctrico ás familias que estean en situación de pobreza.
Carme Adán explicou que a campaña do Bloque aglutinará tanto actos nas rúas como iniciativas nas diferentes institucións. Deste xeito, mentres nos concellos xa se rexistraron mocións, no Parlamento galego presentouse unha proposición non de lei na que se insta ao goberno galego a realizar as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza.
O goberno galego ten que adoptar medidas diante da pobreza enerxética porque xa se duplicaron o número de cortes de luz nos fogares por non poder pagar o recibo, subliñou a deputada nacionalista. Precisamente os datos referidos ao Estado español demostran que antes de comezar a crise económica o número de familias que sufriu o corte de luz polo impago do recibo da empresa subministradora era de 600.000, mentres que durante o ano 2012 foron 1,4 millóns.
Neste sentido, Carme Adán puxo como exemplo os casos de Catalunya, Francia ou Alemaña, que levan a cabo diversas medidas para evitar os cortes de luz ás familias con menos recursos durante os meses de inverno.
A deputada denunciou asemade que nos últimos cinco anos o recibo da luz subiu o 70%, de xeito que serviu para facer engordar as contas de resultados das grandes compañías eléctricas. Desde o BNG demandamos que o goberno do Estado español non incremente o recibo da luz para este 2014, subliñou.
Tarifa eléctrica galega
O responsable comarcal, pola súa banda, xustificou a pertinencia dunha tarifa eléctrica galega en tanto que Galiza paga unha tarifa abusiva pese a ser produtora de enerxía e incluso ser excedentaria na produción de electricidade. Mentres Galiza padece os custos sociais e medioambientais que supón a xeración eléctrica, non obtén ningún beneficio desta condición, criticou.
Manuel Caride anunciou que os primeiros actos informativos na comarca viguesa que se celebrarán sobre o recibo da luz e as demandas do Bloque terán lugar nas localidades de Redondela (xoves 23 de xaneiro) e en Baiona (a próxima semana).