O BNG demanda á Deputación e á Xunta que invistan na creación de emprego en Vigo

O BNG demanda á Deputación e á Xunta que invistan na creación de emprego en Vigo

O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, presentou este venres a moción que o grupo nacionalista defenderá no vindeiro pleno da Corporación para impulsar a creación de emprego en Vigo. O nacionalista explicou que a iniciativa insta á Xunta de Galiza e á Deputación provincial a que contemple nos seus vindeiros orzamentos sendas partidas de igual contía como mínimo como as que se destinaron nos orzamentos municipais de 2012, co obxectivo de complementar o Plan de Emprego Municipal de 2013.

“No BNG poñemos alternativas enriba da mesa, como o Plan Municipal de Emprego, e no pleno do vindeiro luns o PP ten a oportunidade de defender a esta cidade”, manifestou Santi Domínguez, quen salientou que se o PP da cumprimento a esta demanda, podería “multiplicarse por tres a oportunidade de que os vigueses e viguesas atopen traballo”.

Neste sentido o nacionalista lembrou que o portavoz do PP municipal é vicepresidente da Deputación, e posto que os populares teñen maioría neste organismo considerou que “unha palabra súa bastaría” para que tanto a Deputación como a Xunta investiran esa cantidade en Vigo.

Preocupación por que ao PP lle pareza paripé a creación de emprego

O portavoz municipal nacionalista expresou “a preocupación do BNG” por que ao PP lle pareza un paripé que grazas ao Plan de Emprego Municipal máis de 600 persoas conseguiran un posto de traballo e cobertura sanitaria. “Cobertura que nega o PP a persoas desempregadas de longa duración e inmigrantes”, apuntou.

“Preocúpanos tamén que ao PP lle pareza un paripé que máis de 3.000 familias se beneficiaran dos comedores escolares e das bolsas para libros de texto grazas ás esixencias do BNG”, engadiu Domínguez ao respecto das manifestacións dos populares.

Diante da situación pola que atravesa Vigo, coa taxa de paro máis alta de toda Galiza ao chegar ao 24% e case 34.000 persoas en paro, Santi Domínguez trasladou a pregunta de que alternativas ten posto o PP enriba da mesa “para que nesta cidade houbera máis atención aos colectivos máis desfavorecidos e para mellorar a situación das familias afectadas pola crise”.

O PP afonda na crise

Ao seu xuízo, o PP en lugar de achegar solucións, “o único que fixo foi afondar na crise”, con decisións como a subida de impostos, a diminución da axuda no fogar, a redución das axudas aos colectivos dependentes e os recortes en sanidade e ensino. “Que se deixen de frivolizar”, esixiu o nacionalista.

Santi Domínguez indicou que “independentemente de onde se esté”, no goberno ou na oposición, a responsabilidade política implica poñer enriba da mesa accións claras, “e dende a oposición hai que esixir o seu cumprimento”, incidiu. Nesta liña asegurou que “iso é o que fixo o BNG e vai seguir facendo sempre”. Así lembrou que o Concello de Vigo, a través do Plan de Emprego Municipal impulsado polo Bloque Nacionalista Galego, achegou máis de 6 millóns de euros en distintas actuacións con colectivos da cidade para potenciar a contratación de máis de 300 persoas.

Orzamentos 2013

En resposta aos medios, o nacionalista destacou que, posto que a situación económica non variou, “calquera apoio que o BNG vaia dar aos orzamentos de 2013 pasa ineludiblemente pola creación de emprego e a potenciación dos servizos sociais”.

Santi Domínguez contrapuxo o investimento en emprego en Vigo neste ano 2012 por parte do goberno local fronte á actuación de Deputación de Pontevedra e Xunta de Galiza. “A realidade é que Xunta e Deputación investiron 0 euros en Vigo para a creación de emprego directo”, subliñou.

O BNG demanda á Deputación e á Xunta que invistan na creación de emprego en Vigo