O BNG acada o apoio do pleno para esixir á Deputación e á Xunta que invistan na creación de emprego

O BNG acada o apoio do pleno para esixir á Deputación e á Xunta que invistan na creación de emprego

O grupo municipal do BNG logrou o respaldo do pleno, cos votos a favor do PsdeG e en contra do PP, para aprobar a moción que reclama á Deputación e á Xunta de Galiza que invistan na creación de emprego en Vigo. “Con 6 millóns de cada administración, triplicaríamos o número de persoas que tiveron un traballo digno nesta cidade grazas ao Plan Municipal de Emprego demandado polo Bloque”, salientou Santi Domínguez

O portavoz municipal do BNG criticou que aos populares califiquen de 'paripé” que grazas á iniciativa do Bloque máis de 600 persoas atoparan traballo na cidade, e polo tanto conseguiran cobertura sanitaria, e que máis de 3.000 familias se beneficiaran dos comedores escolares e das bolsas para libros de texto grazas ás esixencias do BNG.

Segundo indicou Santi Domínguez, o portavoz municipal do PP debería exercer de concelleiro de Vigo e defender a creación de postos de traballo na cidade. “Sendo vicepresidente da Deputación, unha palabra súa bastaría para que tanto a Deputación como a Xunta investiran en Vigo”, asegurou.

Contra a frivolización en temas tan graves

Diante do rifirrafe entre populares e socialistas, Santi Domínguez comentou que se as persoas desempregadas escoitaran o debate plenario de hoxe sobre o tema do desemprego “estarían indignadas”. Neste sentido pediu “non frivolizar con temas moi graves”, tendo en conta que na cidade hai nenos e nenas que pasan fame.

O nacionalista lembrou ao respecto a gravidade da situación económica de Vigo, ao contar cunha taxa do paro do 24%, a máis alta de toda Galiza, e con preto de 34.000 persoas en situación de desemprego. Defendeu, polo tanto, a necesidade de que as administracións públicas teñan como prioridade traballar a prol da creación de postos de traballo.

 

O BNG acada o apoio do pleno para esixir á Deputación e á Xunta que invistan na creación de emprego